A portavoz nacional, Ana Pontón, compareceu para fixar a súa posición con respecto da actual situación sobre o que está a suceder co presidente do PP en Ourense, Manuel Baltar. “Estamos a falar dun cargo público do PP que cometeu un presunto delito contra a seguridade viaria conducindo a 215 quilómetros por hora, con todo o que iso implica en termos de perigo público, declarou a líder do Bloque.
Pontón quixo valorar as últimas informacións difundidas pola Cadena SER na xornada de onte, nas que se afirmaba que “esta non é a primeira vez, senón a terceira que o presidente do PP de Ourense é multado por exceso de velocidade, usando o coche oficial como se fose o seu vehículo particular”, indicou.
“Temos a un cargo público do PP que lle mente á cidadanía, acumulando multas por exceso de velocidade e demostrando un modo habitual de conducta”, denunciou a portavoz nacional. Pontón tamén puxo o foco na “descoñecida axenda política” que motivou a viaxe a Madrid do presidente da Deputación de Ourense en coche oficial e urxiu que “Baltar non siga ocupando nin un minuto máis un cargo público porque desprestixia Ourense, dentro e fóra de Galiza”.
Ademais disto, denunciou que “se pretenda pagar con cartos públicos a defensa xurídica de alguén que comete un delito contra a seguridade das persoas conducindo a 215km/h” e, tras expoñer a situación, volveu preguntar “que é o que fai Rueda como presidente do Partido Popular?”.
Atendendo ao acontecido nos últimos días, o actual presidente do goberno do PP na Xunta primeiro optou polo silencio, para despois indicar que o comportamento de Baltar fora “un erro”, xustificando un modo de actuar que supón un presunto delito para a seguridade viaria da cidadanía.
“A conclusión é que o señor Rueda cala e xustifica porque non pode facer outra cousa, e non pode facelo porque Baltar manda máis que el” subliñou a líder nacionalista, indicando que “o que fará é agochar a cabeza e tragarse este novo sapo que lle serve en bandexa o presidente do Partido Popular de Ourense”.
Fronte a isto, o BNG, levará ao Parlamento galego unha reprobación do presidente da Deputación de Ourense por considerar que non pode seguir nin un minuto máis ocupando un cargo público.
“É importante a exemplaridade dos cargos públicos e este tipo de conductas non se poden minimizar nin xustificar. Baltar non pode seguir nin un minuto máis ao fronte dunha institución”, concluíu.