Congreso

Galiza gaña novas bonificacións para a AP-9 en 2025 grazas ao BNG

Néstor Rego
Néstor Rego

“O desconto de até 75% que conseguiu o BNG alivia os custos que o uso desa autoestrada ten para todas as persoas a teñen que utilizala” reivindica Rego

Néstor Rego celebra o remate das obras no viaduto da A-6, sentido A Coruña, e a súa apertura ao tráfico: “coa forza do BNG, sempre ao servizo da Galiza” afirma

O BNG celebra a entrada en vigor das novas bonificacións de até 75% para as persoas usuarias da Autoestrada do Atlántico a partir do 1 de xaneiro de 2025. As rebaixas, froito das negociacións realizadas polo BNG nas Cortes, suporán un alivio para as persoas usuarias da AP-9 grazas ao traballo da organización nacionalista, en contraposición ás decisións do PP de prorrogaren a concesión desta infraestrutura e elevar anualmente as tarifas da mesma que lastran o desenvolvemento social e económico da Galiza.

As novas bonificacións da AP-9 foron aprobadas o pasado 23 de decembro no Consello de Ministros e Ministras, para dar cumprimento a un dos puntos do Acordo de Investidura conseguido polo BNG. “Implican descontos de 60 até 75% sumando a gratuidade da viaxe da volta cun 50% no caso de realizaren como mínimo 20 viaxes, 10 en cada sentido” explica o deputado do BNG no Congreso. Así mesmo, para os transportistas profesionais, os descontos pasarán de 20 a 50% en calquera viaxe que realizaren.

“Esta é unha moi boa noticia para os galegos e galegas porque as tarifas da AP-9 son das máis elevadas do Estado español e, se aínda hoxe temos peaxes é por culpa dun Goberno do PP, de Aznar, que no ano 2000 prorrogou a concesión da AP-9 desde 2023 a 2048. O desconto de até 75% que conseguiu o BNG alivia os custos que o uso desa autoestrada ten para todas as persoas que teñen que utilizala” reivindica Néstor Rego.

Tal e como avanza o deputado nacionalista, o BNG seguirá a traballar para conseguir o obxectivo da organización de teren unha “AP-9 galega e libre de peaxes”: galega, exercendo presión para desbloquear a tramitación da Proposición de Lei no Congreso; e libre de peaxes, porque existen elementos obxectivos suficientes que sinalan que a última prórroga é ilegal.

Futuras bonificacións tamén para a AP-53

A maiores, no Acordo de Investidura recollíase o compromiso de aplicar esta bonificacións de até 75% para as persoas usuarias da AP-53, entre Santiago de Compostela e Lalín. Unha infraestrutura que posúe tamén das tarifas máis elevadas do Estado español e que nunca tivo bonificacións. “Grazas ao traballo do BNG, no primeiro trimestre de 2025 entrarán en vigor as bonificacións da AP-53, outra das autoestradas que a Galiza ten cunha concesión de larga duración” afirma o deputado nacionalista.

“Hoxe podemos dicir que se cada ano aumentan as tarifas das autoestradas é por culpa de decisións do PP mentres que grazas ao BNG as persoas usuarias verán aforrado até 75% do seu custo” sinal Rego.

Apertura da A-6: coa forza do BNG

Por último, a organización nacionalista celebra o remate das obras no último dos viadutos da A-6 colapsados. “No Acordo conseguido polo BNG recollíase a necesidade de rematar esta infraestrutura, o viaduto do Castro, antes de rematar o ano 2024 e estase a cumprir” afirma o deputado do BNG. Axilizada a execución do tramo sentido A Coruña, dáse por rematado os problemas para milleiros de usuarios e usuarias desta infraestrutura e os problemas, provocados pola desviación do tráfico, que se estaban a producir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG