O BNG demanda que se faga pública a axenda do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para coñecer “que asunto o levaba o pasado domingo a Madrid nun coche financiado cos recursos dos galegos e galegas”, indicou a deputada do BNG, Noa Presas, ademais de esixir a dimisión do presidente da Deputación e avanzar que o Bloque vén de rexistrar varias iniciativas conducentes á reprobación de Manuel Baltar polo Parlamento.
A deputada do Bloque acusou a Baltar “de mentir” á luz das informacións desveladas hai unhas horas pola Cadena SER en Ourense explicando que o coche oficial en uso polo aínda presidente da Deputación acumula ata dez multas por exceso de velocidade “en apenas dous anos nos que en tres ocasións era el mesmo o que conducía, polo que minte e manipula”, recriminou.
Presas afirmou que o BNG “ten claro que non é veciñanza de Ourense a quen ten que asumir o custe da defensa xurídica do presidente do PP de Ourense”, en referencia a que o actual presidente da Deputación sexa defendido polos servizos xurídicos da propia entidade, financiados con recursos públicos.
“A defensa xurídica para sacar as castañas do lume do señor Baltar terá que pagala o propio Baltar, quen incumpriu a lei e quen pode ter incorrido nun delito de seguridade viaria, mesmo provocando unha situación de perigo público”, apostillou a deputada do Bloque, que incidiu en que Baltar “ten que dimitir” xa que o seu comportamento “é impropio dun cargo público e, por riba, é reincidente”.
O BNG, avanzou a deputada nacionalista, vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para impulsar a reprobación a un Manuel Baltar “que, dende logo, non merece estar nin un minuto máis ó fronte dunha institución”, concluíu Presas.