Protocolo de actuación en caso de violencias machistas

1. Introdución

O machismo e as violencias machistas atravesan a sociedade e tamén as organizacións sociais e políticas transformadoras, que deben actuar para previlas, atendelas e erradicalas. No camiño para construír unha nova Galiza libre de violencias machistas a XVII Asemblea Nacional do BNG, no marco doutras medidas, dótase tamén desta ferramenta co obxectivo de estabelecer un itinerario claro, garantista e útil na actuación diante de violencias machistas no seo da organización que complemente os mecanismos xa existentes e contribúa na construción dunha organización sen desigualdades nin violencias. Este protocolo é independente das accións xudiciais que as mulleres afectadas puideren emprender.

2. Actuacións de difusión e seguimento

  • 2.1. Após a súa aprobación, alén da súa difusión coas teses políticas e organizativas da XVII Asemblea Nacional, o protocolo será enviado de forma singular a cada militante do BNG e será informado e explicado nas asembleas comarcais. Así mesmo, estará dispoñíbel na páxina web e formará parte da información básica no proceso de afiliación, recordándose periodicamente nos organismos de participación e nas comunicacións internas.
  • 2.2. A Executiva Nacional velará pola súa difusión e o seu seguimento formará parte dos informes de xestión elaborados pola dirección.

3. Principios xerais comúns ao procedemento

  • A protección e o benestar da vítima así como o respecto á súa intimidade e vontade guiarán a aplicación do protocolo.
  • A imparcialidade e a procura da obxectividade e dun trato xusto ás persoas implicadas guiarán o procedemento.
  • A celeridade e a dilixencia na aplicación do procedemento.
  • A reparación da muller agredida e a actuación para avanzar no camiño de atender e erradicar a violencia machista.

4. Órgano instrutor cualificado

O órgano instrutor cualificado é a Comisión de Garantías.

5. Acompañamento

A vítima dunha agresión machista no seo da organización poderá solicitar acompañamento durante o proceso de denuncia e posterior dunha persoa da súa confianza.

6. Información e atención á vítima

Garantirase a información á vítima dos servizos externos á organización (psicolóxicos, xurídicos, médicos, sociais) dos que pode dispoñer.

A organización velará para facilitar á vítima toda a atención profesional que precisar tomando as medidas necesarias de apoio.

7. Ámbito de aplicación

Este protocolo é de aplicación a calquera militante da organización con ocasión da súa participación en actos de agresións machistas.

8. Actuación en caso de denuncia

Calquera das mulleres que entren dentro do ámbito de aplicación deste protocolo, que considere que é ou foi vítima dunha agresión machista no seo da organización, poderá presentar denuncia perante a Comisión de Garantías mediante un escrito dirixido a un correo electrónico específico ou de forma verbal entrevistándose persoalmente con calquera das persoas que formaren parte dela.

A denuncia deberá conter información suficiente sobre os feitos denunciados (persoas implicadas, feitos, lugar, data, testemuñas, etc…) que sirvan para desenvolver e concluír o procedemento.

No caso de denuncia por agresión machista perante calquera órgano administrativo ou xudicial, a algún dos homes mencionados no ámbito de aplicación deste protocolo, procederase de forma inmediata á suspensión provisoria de militancia á espera da resolución final da instancia que corresponder.

9. Inicio do procedemento

Unha vez recibida a denuncia polo órgano, o órgano instrutor á vista dos feitos denunciados pode adoptar algunha das seguintes decisións:

  • a) Solicitar ampliación ou aclaración dos feitos, para o que no prazo máximo de 7 días deberá solicitar esa información á muller denunciante así como a aquelas que xulgar necesario.
  • b) Arquivar a denuncia, para o que elaborará un informe detallado xustificando con argumentos e probas o arquivo da denuncia.
  • c) Incoar un expediente disciplinario.

10. Procedemento disciplinario

A apertura do expediente disciplinario comunicarase ás persoas interesadas, de forma fidedigna, por escrito, con indicación da conduta obxecto da apertura do expediente.<

O home obxecto do expediente terá un prazo de mínimo 7 días e máximo 15 días para alegar o que xulgar conveniente e achegar cantas probas estimar oportuno; en caso de necesitar un período de práctica de proba, non poderá estenderse por un período superior a 7 días.

Poderanse solicitar entrevistas persoais coas persoas implicadas no procedemento para mellor esclarecemento dos feitos.

No caso de que o órgano instrutor o considerar necesario poderanse adoptar as medidas provisorias que se estimaren oportunas até a conclusión do procedemento co fin de garantir a protección dos dereitos da muller e evitar a súa vitimización.

11. Conclusión do procedemento

No caso de incoación de expediente disciplinario, unha vez rematado o procedemento, o órgano instrutor elaborará un informe coa proposta de resolución que será trasladado ás partes interesadas que poderán formular de novo alegacións no prazo máximo de 7 días.
Finalizado este trámite, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución á Executiva Nacional e ao Consello Nacional.

No caso de arquivo da denuncia, o informe elaborado trasladaráselle á muller denunciante para que no prazo de 10 días formule as alegacións que considere oportunas.

12. Sancións

En función da gravidade dos actos cometidos e do que resulte do informe elaborado, o órgano instrutor na súa proposta de resolución poderá adoptar a sanción correspondente conforme aos Estatutos do BNG.

Disposición adicional. Interpretación e desenvolvemento

Este protocolo naquelas cuestións non abranguidas poderá ser interpretado e desenvolvido polo Consello Nacional por recomendación da Comisión de Garantías, da área de Acción Feminista e mandato da Executiva Nacional cando o seu desenvolvemento o precisar.

 

Correo de contacto: [email protected]

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG