Pontón ve no discurso de Rueda a un presidente escapista que pretende tapar con propaganda os problemas da Galiza real

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o discurso do xefe do Executivo é o retrato “dun presidente escapista que intenta tapar con propaganda os problemas da Galiza real, vemos a un Rueda pagado de si mesmo, botando balóns fora e eludindo toda responsabilidade na situación do País, como senón levase quince anos no goberno da Xunta”, argumenta.

Pontón chama a atención sobre a incoherencia entre o que transmite o presidente da Xunta na súa alocución de fin de ano é a realidade do País, que intenta edulcorar nun vano intento de tapar os problemas que cada día afronta a maioría social.

“O discurso de Rueda, tanto polo que di como polo que omite, mostra a un presidente empeñado en disfrazar a realidade, pero as dificultades que viven miles de galegos e de galegas non se poden tapar nin minimizar con propaganda, e os retos que Galiza ten por diante non se resolven con triunfalismos”, alega

Entre esas incoherencia entre as palabras e os feitos, a líder do BNG denuncia o cinismo político dun presidente que eloxia a educación pública “cando leva anos de recortes e hoxe o sistema educativo ten menos docentes e as universidades están infrafinanciadas”, incoherencias entre o que di e a realidade que se repite ao longo do discurso.

“Presume de autogoberno cando o balance de novas competencias é desolador: unha en quince anos; fala da emigración como unha opción e nunca como unha obrigación, e eu pregúntolle se pensa que os máis de 200.000 mozos e mozas que colleron as maletas co goberno do PP o fixo por gusto? Por desgraza para eles, para as súas familias e para Galiza a inmensa maioría o fixo por falta de oportunidades”, interpela Pontón.

Nese ton escapista do seu discurso, alega, Rueda fala dos problemas de acceso á vivenda como se acabase de chegar á Presidencia da Xunta en lugar de levar tres lustros gobernando. “Pasouse quince anos dinamitando a política social de vivenda e agora faise o sorprendido de que acceder a unha vivenda sexa misión imposible para miles de galegos e de galegas. E por riba, sin dar solucións a curto prazo, só promesas vagas para 2028”.

O mesmo escapismo que tamén está presente cando o xefe do Executivo fai referencia a necesidade de ter empregos de calidade, “ignorando que hai moitas persoas que traballan moi duro pero en condicións precarias e con salarios que non chegan a fin de mes; e despois de perder case 30.000 empregos no sector industrial a súa única alternativa e ofrecer a riqueza de Galiza ao espolio das multinacionais. Ese non pode ser o futuro”, subliña a portavoz nacional.

Pontón é especialmente crítica pola forma en que o presidente da Xunta se refire á dependencia e ao coidado das persoas maiores.

“O señor Rueda despacha a dependencia deixando claro que descarga sobre as familias, en particular sobre as mulleres, o coidado das persoas maiores. Resulta intolerable que o presidente da Xunta responsabilice ás mulleres dos coidados, aínda que sexa a costa do seu descanso e da súa saúde, mentres segue mantendo un sistema privatizado que fai negocio coa vellez, en lugar de traballar por un modelo público que garanta unha vellez digna”, subliña.

Finalmente, o discurso de Rueda é escapista tamén polo que non di, “polas grandes ausencias”, explica Pontón, “nin unha palabra para a sanidade pública na que as listas de espera non deixan de medrar, nin para a defensa dos dereitos das mulleres ante o machismo, nin para a situación crítica da lingua galega”.

En definitiva, conclúe, “é o discurso dun presidente escapista que intenta tapar con propaganda os problemas da Galiza real e da súa xente botando balóns fora e eludindo toda responsabilidade na situación do País, como senón levase quince anos no goberno da Xunta”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG