O deputado BNG no Congreso, Néstor Rego, critica o discurso do monarca ante o seu “descaro á hora de asumir posicións reaccionarias”, cheo de tópicos e de gran carácter conservador. Denuncia a negación do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado mentres “houbo unha defensa da españolidade e da consagrada Constitución española”, alén da esperada e lóxica mención ao pobo valencia por mor da DINA. Por último, Néstor Rego lamenta as louvanzas realizadas á Unión Europea por ser unha institución que segue os ditados da OTAN e os EUA que son cómplices do xenocidio que está a cometer Israel ao pobo palestino.
Para o deputado nacionalista, o mellor que podería facer o Borbón –após escoitar o último discurso natalicio do monarca- sería “abdicar e dar paso a unha xefatura do Estado que puidese ser elixida polo conxunto da cidadanía”.
O BNG en contra das posicións reaccionarias do monarca
“Este discurso, alén da esperada e lóxica referencia á DINA e a solidariedade co pobo valenciano, estivo cargado de tópicos e caracterizado por un sesgo claramente conservador. Foi unha descaro á hora de asumir posición reaccionarias xa que case o primeiro elemento introducido foi a inmigración referíndose a ela explicitamente como unha ameaza á cohesión social” denuncia Néstor Rego.
“Á maiores, houbo unha defensa da españolidade e da Constitución Española, que nega a existencia da Galiza como nación e os nosos dereitos colectivos e consagra institucións como a monarquía” recrimina o deputado do BNG no Congreso. Non atopou, explica Rego, a oportunidade de facer referencia ao carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado español: “o resultado é esta diversidade de pobos que tamén deben ter o seu recoñecemento e os seus dereitos” reivindica.
O único intento do monarca para entroncar cos problemas e preocupacións sociais foi o referido á vivenda e a “unha louvanza forzada á mocidade” forzada nese contexto.
Alén das fronteiras do Estado
No eido internacional e as turbulencias que se están a producir, o deputado nacionalista lamentas as louvanzas realizadas á Unión Europea. “Unha Unión Europea que segue fielmente a axenda belicista que marca a OTAN e os Estados Unidos e é cómplice, por acción ou omisión, do xenocidio que o Estado de Israel está a cometer en Gaza” critica.
Cando hai unha referencia xenérica no discurso, continúa Rego, á defensa dos Dereitos Humanos, “choca que o Borbón non atopase o momento para unha referencia explícita á violación dos Dereitos Humanos, xenocidio e crimes de guerra que Israel está cometendo contra o pobo palestino en Gaza e Cisxordania a pesar de seren recoñecidas por institucións internacionais como a ONU ou a Corte Internacional de Xustiza”.