Parlamento Galego

BNG avanza unha batería de iniciativas para acabar coas irregularidades na contratación e mellorar a calidade democrática

Luís Bará
Luís Bará

Unha oficina anti-fraude, máis transparencia e limitar os contratos menores, medidas propostas para dar continuidade á comisión de investigación

Luís Bará garante que malia os intentos do PP por pechar en falso a comisión, o Bloque seguirá investigando e denunciando os ‘chanchullos’ na contratación pública para beneficiar as súas empresas amigas

 

O viceportavoz parlamentario, Luís Bará, avanzou este xoves que o BNG vai presentar unha batería de iniciativas para dar continuidade ao traballo da comisión de investigación sobre os chanchullos do PP para favorecer as súas empresas amigas na contratación da Xunta. Medidas, adiantou, como a limitación no uso dos contratos menores na administración, unha maior planificación da actividade contractual ou a creación dunha empresa anti-fraude e de prevención da corrupción.

“Malia os intentos do PP por boicotear e por pechar en falso a comisión, o BNG vai seguir traballando para denunciar as prácticas ilegais e as irregularidades”, garantiu o deputado nacionalista, destacando que aínda cos atrancos impostos polos populares ao funcionamento da comisión, “agora coñecemos mellor todo o entramado da contratación irregular da Xunta do PP ao longo dos últimos anos”.

Bará compareceu para dar a coñecer algunhas das conclusión que o BNG recolle no voto particular que presentará ao ditame da comisión, a comezar polas “numerosas irregularidades e ilegalidades” na contratación menor, sinalou referíndose ao abuso deste tipo de adxudicacións e á utilización de procedementos “fraudulentos” como a fragmentación e o encadeamento de contratos “ano tras ano”. "A contratación menor é un procedemento perfectamente legal, regulado pola lei, que non poñemos en cuestión, pero aquí falamos do abuso deste tipo de contratos, da súa fragmentación e do encadenamento como prácticas fraudulentas e ilegais que a Xunta estivo utilizando ao longo de todo este tempo", matizou. 

Entre 2018 e 2024 , subliñou, a Xunta tramitou máis de un millón de contratos menores por un importe que supera os 4.443 millóns de euros, cifras de “dimensións estratosféricas” entre as que se inclúen as que afectan ao Grupo Eulen, que dirixe en Galiza a irmá de Feijóo. Dende 2018 este grupo obtivo 1.450 contratos menores, moitos deles fragmentados e encadeados, por 6,5 M€.  

O BNG, tal e como se reflexa no seu voto particular, constatou ademais o “interese da Xunta do PP por seleccionar na contratación de emerxencia durante a pandemia a determinadas empresas”, algunhas delas con vínculos directos con altos cargos do PP, como Universal Support, que foi a máis beneficiada, con 15,3 M€. “A contratación desta empresa está directamente relacionada coa entrada como directivo no Grupo Conecta, matriz de Universal Support, do señor Ignacio Cárdenas Botas, cuñado de Feijóo”, afirmou Bará, que tamén aludiu a Mape Asesores, segunda principal contratista da Xunta neste tipo de contratos feitos durante a pandemia e para a que actuou como intermediario, cun beneficio de dous millóns de euros, Alberto González Amador, parella sentimental de Díaz Ayuso.

O voto particular do Bloque recolle tamén como conclusión o sobreprezo de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a primeira construción hospitalaria para a cal a Xunta deu entrada ao capital privado, “favorecendo a empresas relacionadas co PP e, posteriormente, a grandes grupos de inversión internacionais”.

“Construíuse un hospital máis caro, máis pequeno e que non resolveu a anomalía que segue existindo na área sanitaria de Vigo, con esa dobre rede integrada polo Cunqueiro e por Povisa”, explicou o deputado nacionalista, lembrando que grazas a un novo convenio este hospital privado vai recibir un 20 % máis de recursos públicos -até os 100 millóns- pero vai cubrir menos especialidades.

Unha vez que se debatan no Pleno o ditame da comisión e os votos particulares, o BNG proseguirá o seu labor parlamentario con iniciativas “para mellorar a transparencia na contratación pública, loitar eficazmente contra a corrupción e, en definitiva, mellorar o funcionamento democrático das institucións públicas galegas”.

Regulación dos conflitos de interese

Reclamará, en primeiro lugar, que todos os contratos e os expedientes dos mesmos estean dispoñibles no Portal de Transparencia, e que se cumpra de maneira rigorosa o artigo 9 do Regulamento do Parlamento para que non haxa vetos no acceso dos deputados á documentación. “Se non se garante ese acceso, ten que haber responsabilidades”, destacou.

O Bloque defenderá ademais a “redución drástica” dos contratos menores, limitando o seu uso a necesidades “puntuais, excepcionais ou imprevistas”. Demandará, así mesmo, a planificación da actividade contractual para evitar a fragmentación indebida dos contratos menores, e o desenvolvemento de plans de continxencia que eviten situacións de carencia de produtos e equipamentos esenciais.

Ademais de crear unha oficina anti-fraude e de prevención da corrupción, tal e como existe xa noutros territorios do Estado, outra das propostas avanzadas por Bará será a aprobación dunha regulamentación “clara e completa” dos conflitos de interese, “porque vimos que se dan en moitos casos entre as persoas que toman as decisións e as empresas coas que teñen vínculos familiares”, precisou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG