Parlamento Galego

BNG emitirá un voto particular ao ditame da comisión de investigación que o PP converteu nunha “burla democrática”

Óscar Insua, Montse Prado e Iago Tabarés
Óscar Insua, Montse Prado e Iago Tabarés

Advirte da “fraude” e “parodia” que representa un ditame no que só constan as conclusións que “xa tiñan preparadas” os populares dende o inicio

“Os panfletos non se emendan”, alega Montse Prado para explicar o voto particular do Bloque diante dun ditame que cualifica de “farsa e mal chiste”

Denuncia o ocultamento de documentación como a que evidencia a ampliación de servizos concesionados no hospital Álvaro Cunqueiro para beneficiar ao sector privado con vinculacións ao PP

A deputada Montse Prado e os deputados Iago Tabarés e Oscar Insua, adiantaron en rolda de prensa que o BNG emitirá un voto particular ao ditame da comisión de investigación por consideralo unha “burla democrática” e unha “farsa”.

Neste sentido o BNG advertiu do “fraude” e “parodia” que representa o ditame que quere presentar na comisión de mañá o PP, no que só constan as conclusións que os populares “tiñan preparadas dende o inicio” e que non mudaron en absoluto. Un ditame que non se sustentan en documentación e en datos que poidan avalar o que nel se reflicte e “que descualifica e desvaloriza os informes do Consello de Contas, por exemplo” salientou Prado.

Por iso, o Bloque non presentou emendas ao ditame e emitirá directamente un voto particular. “No BNG consideramos que os panfletos non se emendan”, afirmou a deputada nacionalista, quen negou o carácter de ditame a unhas conclusións que cualificou de “mal chiste” e de “burla” á cidadanía e para as que o PP non fixo nin a máis mínima aproximación para recoller as achegas dos grupos da oposición e tentar facer un ditame en conxunto. 

A deputada nacionalista denunciou o ocultamento sistemático de documentación na comisión, así como o veto das comparecencias solicitadas pola formación nacionalista, a comezar pola do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, máximo responsable durante o período temporal obxecto da investigación, ou a súa irmá, directora de Eulen en Galiza, empresa á que se lle adxudicaron máis de 1.500 contratos por un importe superior a sete millóns de euros.  

“O Partido Popular é un auténtico experto en impedir que se coñeza ou intenta impedir que se coñeza como actúa cos cartos de todos e de todas” salientou Prado, quen recalcou que o PP impediu que “viñese calquera persoa que puidese dar explicacións ou aportar documentación que se puidera analizar” para chegar a algún tipo de conclusión que saíse fóra do relato marcado polo PP.

Neste sentido, exemplificou esta actitude antidemocrática na documentación relativa á construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro e que evidencia como se ampliaron os servizos concesionados para beneficiar a empresas privadas vinculadas co PP. 

“É unha auténtica burla democrática que se faga chegar unha documentación totalmente insuficiente e sesgada”, apuntou, para advertir a continuación como, entre as caixas con documentación “sen valor para ser analizadas nesta comisión”, había traspapelado un informe confidencial de Price Waterhouse Coopers, con conclusións distintas ás achegadas no seu primeiro informe, que foi o que si se someteu a exposición pública.  

Deste xeito, afondou, houbo dous informes: un primeiro para exposición pública “que se adapta ao relato do PP” e un segundo, cualificado como “privado-confidencial” no que, entre outras cuestión, se recolle que o modelo de empresa pública (impulsado polo Goberno de coalición anterior), de ser estruturado adecuadamente, pódese “non consolidar a súa infraestrutura e o seu endebedamento nas contas públicas”. “Dous documentos, un público sobre o que teoricamente tiveron que tomar as decisións, mais a realidade é que as tomaron conforme ao que ninguén coñeceu”, recalcou.

De igual xeito, Prado tamén se referiu ao informe do xefe de servizo de Obras e Supervisión de Proxectos do Sergas, emitido en maio de 2012 e que tampouco foi posto a disposición da comisión, no que advertía sobre a redución  “da superficie construída con respecto o proxecto básico sen modificar”, o que cualificou  de “auténtica anomalía” dado que o proxecto básico é aquel sobre o que se elabora todo o resto da documentación. “O máis grave é que logo volveron a recortala (a superficie) despois de ter aprobado e concesionado o proxecto pola vía de modificar un plan funcional, despois de estar adxudicado”, incidiu.  

Así pois, o BNG evidenciou con esta documentación como “se permitiu a unha empresa construír menos sen reducir o custo que tiña que pagar”, unha información corroborada tamén -afondou Prado- polo informe do Consello de Contas, no que advirte que hai unha minoración de 11.792 m2 na superficie útil hospitalaria.

Logo de reafirmar que, pese ao boicot do PP, o impulso da comisión por parte do BNG “foi un auténtico acerto”, a deputada nacionalista rematou recordando que o Tribunal Constitucional aínda se ten que pronunciar sobre o recurso de amparo interposto polo Bloque ante a vulneración dos dereitos fundamentais dos seus deputados e deputadas. “As maiorías non poden significar pasar por riba de todo o mundo e neste Parlamento non se respectan as máis mínimas normas democráticas”, afirmou para concluír que o PP está a converter a Cámara galega nunha “república bananera” cun “comportamento antidemocrático” que vulnera os dereitos dos deputados e deputadas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG