Congreso

BNG exixe ao Goberno rexeitar o Acordo Mercosur polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro

Néstor Rego
Néstor Rego

En contra da filosofía da sustentabilidade, este acordo terá efectos negativos sobre todo para a produción de vacún, avícola e porcino

Néstor Rego insta o Goberno a rexeitar a ratificación do Acordo de libre comercio nas institucións da Unión Europea e o seu debate no Congreso, na parte que debe ser ratificado polos Estados membros.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas ante a aprobación do Acordo Mercosur-UE polas graves repercusións que terá para o sector agrogandeiro, sobre todo o galego, e exixe ao Goberno do Estado unha posición firme no Consello en contra deste acordo. O deputado do BNG, Néstor Rego, alerta das graves consecuencias que suporá este tratado, de chegar a ratificarse, para os sectores produtivos, especialmente para o do vacún, o avícola e o porcino, ademais de ser un Acordo que vai en contra da filosofía da sustentabilidade.

O Acordo entre Mercosur e a Unión Europea, asinado o pasado 6 de decembro, pretende estabelecer unha das maiores áreas de libre comercio do mundo, cuestión que está a causar unha fonda preocupación no sector agrario e gandeiro galego. O sector, explica o deputado do BNG, considera que terá graves repercusións pola entrada de produtos agrarios procedentes de América do Sur e que afectará especialmente ao sector lácteo, avícola e de carne de vacún.

“Permitirá a entrada dun enorme volume de produtos procedentes do outro lado do Atlántico para abastecer o noso mercado, así, favorece o monocultivo e especialización agraria de grandes extensións para o seu posterior traslado a miles de quilómetros. Prácticas completamente contrarias á descarbonización, contrarias á filosofía da sustentabilidade, a recuperación da biodiversidade natural, a soberanía alimentar e o consumo de produtos de proximidade” denuncia o deputado do BNG.

A frente nacionalista considera que o que debe facer o Goberno do Estado é “favorecer o consumo de produtos locais e co menor transporte posíbel”, os chamados “quilómetro cero”, limitando a importación de produtos non necesarios de forma masiva, e  exixir “o cumprimento de certos mínimos ou estándares dos produtos para asegurar tamén a igualdade competitiva dos produtores e gandeiros da Galiza e do conxunto do Estado”.

“Resulta incomprensíbel que, nun contexto como o actual, se impulsen macro acordos comerciais que suporán un incremento de emisións contaminantes pola intensificación da actividade de monocultivo intensivo e o transporte intercontinental” subliña Rego. Ademais, este acordo non repara no empobrecemento dos nosos sectores agrogandeiros ou na posíbel desaparición de pequenas e medianas explotación que “non poderán competir cos xigantescos acordos comerciais que dan carta branca á entrada de alimentos a un prezo de mercado moi inferior”.

Sorprenden, continúa o deputado do BNG no Congreso, as declaracións realizadas polo Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en que afirmou que o sector agro gandeiro do Estado español vai saír “reforzado” e que o acordo de Mercosur vai supor unha “oportunidade económica para o sector”. Máis, cando outros países da Unión manifestaron o seu posicionamento contrario ao acordo.

Antes da súa entrada en vigor, “o Acordo Mercosur-UE deberá ter o visto bo do Consello, así como do Parlamento europeo así que o Goberno do Estado terá oportunidade de manifestar o seu rexeitamento ao acordo ante os graves prexuízos que suporá para un dos sectores máis importantes para a economía galega”. E, para algunhas das partes do tratado, vai precisar o a ratificación dos distintos Estados que conforman a UE, cuestión para a que o BNG reclama que sexa debatido e votado no Congreso. 

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG