BNG reivindica o ideario de Castelao para reclamar o recoñecemento pleno de Galiza como nación

Cargos orgánicos e institucionais do BNG
Cargos orgánicos e institucionais do BNG

Defende un novo status para Galiza ante unha Constitución que nos nega como nación e consolida unha monarquía anacrónica e antidemocrática

O BNG celebrou un ano máis a fundación do Partido Galeguista o 6 de decembro de 1931 cun acto no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres no que reivindicou o legado de Castelao, autor fai oitenta anos do Sempre en Galiza e tamén máximo referente do goberno galego o exilio, o Consello de Galiza, constituído tamén fai oito décadas e presidido polo ilustre galeguista.

“Galiza é unha pobo con historia propia, por iso este 6 de decembro lembramos de onde vimos, lembramos o camiño que iniciaron os homes e mulleres do Partido Galeguista”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, “e por iso no día de hoxe remitímonos ao ideario de Castelao do que nos sentimos herdeiros e herdeiras no BNG”, en referencia ós principios inspiradores dese goberno no exilio “e temos a certeza de que chegará o momento en que se recoñeza o dereito soberano das nosas nacións", como recolle a declaración fundacional do Consello de Galiza.

Ana Pontón
Ana Pontón

“Oito décadas despois, ese documento continúa a ser ambicioso, reclamando situarnos en igualdade con outros pobos, reivindicando unha alianza das nacións sen estado que continúa a ser fundamental”, argumentou Pontón, que contrapuxo a celebración do BNG co que outros festexan tamén nesta xornada “consagrando unha Constitución que intentou deixar todo atado e ben atado”. 

“Non podemos celebrar unha Constitución que nos nega, que limita os nosos dereitos e aspiracións, que pon atrancos ao noso desenvolvemento e o benestar de galegos e galegas ou que consolida unha institución tan anacrónica e antidemocrática como a monarquía”, explicou a portavoz nacional durante a súa intervención, “por esa razón desde o BNG cada 6 de decembro seguimos reclamando democracia plena e o recoñecemento de Galiza como unha nación que ten dereito a un autogoberno real, con capacidade de decisión para xestionar os nosos recursos”.

E para camiñar nesa dirección o Bloque defende “un novo status político de nación que blinde capacidade plena de decisión en ámbitos clave para o desenvolvemento económico, social e cultural do País, sen interferencias centralistas, un novo status que incorpore un concerto económico, que permita que a chave dos cartos de Galiza estea en mans da cidadanía galega e non en Madrid”, destacou a líder do BNG.

O obxectivo e darlle a Galiza máis poder político e financeiro,  máis ferramentas para dar solucións e repostas aos problemas que ten o País, para mellorar as condicións de vida dos galegos e  das galegas, en contraposición ao actual marco constitucional, “que da alas ao centralismo e acentúa a dependencia de Galiza”, indicou.

A constitución consolida un modelo de espolio que se pode aplicar tamén para explicar a desaparición das caixas, o déficit de infraestruturas, o boom eólico depredador ou a ameaza de proxectos como a macrocelulosa de ALTRI ou a mina de Touro. 

Para ilustrar ese espolio centralista, Pontón botou man dun dos debuxos máis recoñecibles de Castelao, a viñeta que ilustrou o cartel do Referendo do 36: unha vaca do país alimentada por unha muller mentres no outro extremo un home vestido de frac e con sombreiro de copa muxe a vaca que a muller alimenta. “Unha fórmula gráfica maxistral para convencer da necesidade de defender o noso, de xestionar os nosos recursos sen o que outros leven o beneficio”, alegou.

“O  obxectivo do BNG é loitar contra ese modelo depredador coa mesma forza que o facía o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda”, indicou, en referencia ao espolios actuais: eólico, financeiro, ALTRI... E para iso, Pontón comprometeu que a formación nacionalista traballará para lograr a transformación que necesita este País.

“O PP sabe que somos unha alternativa solvente e cada día están máis nerviosos, cada día os seus ataques contra o BNG son máis virulentos, consciente de que somos unha organización forte, unida, garantía de honestidade e lealdade co país, de orgullo por sermos galegos e galegas”, indicou a portavoz nacional. 

“As nosas ideas teñen un obxectivo:  construír a Galiza xusta e igualitaria, con futuro, que defendemos. Ese é o noso gran reto e, para iso, precisamos trasladar a nosa mensaxe con claridade como facía Castelao coa vaca alimentada por nós e muxida polos de sempre. Para cambiar as tornas e que sexamos nós as donas do que é noso”, concluíu Pontón. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG