Congreso

BNG urxe o Goberno a intervir ante a indefensión dos taxistas polo aumento desproporcionado e inxustificado das pólizas de seguros

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego defende atallar este problema no sector do taxi e impedir que esta situación comprometa economicamente a milleiros de profesionais, pondo en risco a súa viabilidade futura

Lexislar para garantir que as aseguradoras non poidan acometer prácticas unilaterais e abusivas, estabelecendo prezos máximos para as pólizas de seguro

O Bloque Nacionalista Galego, após coñecer os problemas do sector do taxi de primeira man, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno evite que as aseguradoras poidan practicar subas inxustificadas e abusivas de prezos que non se axustan á evolución do risco. Néstor Rego, deputado do BNG, exixe ao Goberno defender a situación do transporte, considerado de interese xeral e público, especialmente para garantir a mobilidade en áreas do rural que, no caso da Galiza, non existen a día de hoxe outras opcións de transporte público.

“O sector do taxi está a experimentar unha situación insustentábel xa que moitas e moitos profesionais están vendo como as aseguradoras soben inxustificadamente e de forma desproporcionado as pólizas dos seguros dos seus vehículos” denuncia o deputado do BNG no Congreso. . Este encarecemento abusivo e sen xustificación “supón unha carga excesiva que, en moitos casos, supón a imposibilidade de asumir o custo da póliza e pon en risco a viabilidade da actividade, especialmente no caso de persoas autónomas”.

Ante esta situación, o deputado nacionalista decide rexistrar iniciativas para urxir o Goberno a intervir ante a indefensión e a situación límite que as compañías están a colocar aos e ás profesionais do taxi.

Na actualidade, no momento en que as persoas profesionais do taxi realizan un cambio de vehículo, póliza ou se procede á súa renovación, deben asumir un incremento desorbitado, chegando a producirse nalgúns casos, directamente a rescisión da póliza sen posibilidade de renovación. Unha situación que empeora cando se trata de vehículos eléctricos porque as aseguradoras néganse a aseguralos. Os problemas increméntanse para as persoas novas que se incorporan á profesión pois nalgúns casos poden tardar meses en poder iniciar a actividade ante a imposibilidade de atopar compañía aseguradora.

“O Ministerio de Economía, nomeadamente a  Dirección Xeral de Seguros,  debe supervisar estas operacións para evitar que as aseguradoras poidan practicar subas inxustificadas e abusivas de prezos que non se axustan á evolución do risco” reclama o deputado nacionalista. Así mesmo, Rego sinala que o Goberno ten o deber de velar pola situación dun transporte que está considerado de interese xeral e público, especialmente para garantir a mobilidade en áreas do rural que, como no caso da Galiza, non existen outras opcións de transporte público.

Trátase dun servizo público, explica Néstor Rego referíndose ao sector do taxi, especialmente en zonas do ámbito rural onde cumpre “unha función de transporte público porque non hai outras alternativas para a mobilidade das persoas, sobre todo persoas maiores e persoas con mobilidade reducida”. Esta actividade foi declarada como “Transporte de viaxeiros, cunha consideración de servizo de interese público” a través do Real Decreto Lei 5/2023. “En consecuencia, as administracións públicas deben garantir a prestación dun servizo de calidade para todas as persoas usuarias, non discriminatorio e con cobertura en todo o territorio” reivindica Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG