Parlamento Galego

BNG urxe ao Goberno “solucións inmediatas” para garantir as axudas económicas dos mariscadores da Ría do Burgo

Rego alerta da situación dos 80 mariscadores e mariscadoras que “non están a percibir ningún tipo de ingresos” após o saneamento da ría e exixe garantir a percepción das axudas

“Aos mariscadores e mariscadoras preocúpalles ben pouco de quen é a responsabilidade. O que lles preocupa é que non teñen ingresos” sinala

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Secretario de Estado de Medio Ambiente garantir que as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo perciban as axudas necesarias mentres existan o parón da actividade. Urxe o Goberno a tomar unha posición activa que contribúa a paliar esta situación mantendo as axudas económicas “mentres non se poida retomar a actividade” e negociar coa Xunta de Galiza, sen trasladar a responsabilidade ás preto de 80 mariscadoras e mariscadores.

As axudas aos mariscadores e mariscadoras da Ría do Burgo volve novamente ao Congreso a través dunha pregunta do BNG ao Secretario de Estado de Medio Ambiente co obxectivo de exercer presión sobre o Goberno e garantir a continuidade das mesmas até que se retome a actividade. Malia que o pasado Consello de Ministro aprobou unha pequena partida para facer frente aos pagos pendentes de xaneiro a marzo de 2024, Néstor Rego insiste na necesidade de que estas axudas se prorroguen.

“Farían ben en ser minimamente sensíbeis a unha situación que, sendo un colectivo non moi numeroso, non deixa de ser menos dramática. Hai que actuar en consecuencia: quen ten a capacidade de negociar coa Xunta de Galiza é o Ministerio. Non poden trasladar esa responsabilidade aos mariscadores e mariscadoras” subliña o deputado do BNG durante a Comisión.

Segundo explica Rego, “aos mariscadores e mariscadoras da Ría do Burgo preocúpalles ben pouco de quen é a responsabilidade”, sen entrar a discutir tampouco o papel pasivo e despreocupado da Xunta de Galiza a este respecto. “O que lles preocupa é que non teñen ingresos. Por iso o Ministerio debe ter unha posición activa para que a Xunta contribúa mais, en todo caso, o Goberno debe garantir que este colectivo continúe a percibir estas axudas” demanda.

Pola súa parte, o Secretario de Estado recolle o guante do BNG a respecto da posición activa mais o deputado nacionalista lémbralle que a actitude non é a seguida até o de agora: “na última mesa de seguimento non apareceu ninguén do Goberno e isto mostra certo desinterese pola súa parte” recrimina Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG