A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o primeiro Consello Nacional tras a XVIII asemblea para anunciar unha das propostas máis ambiciosas do BNG para este 2025: reformar o Estatuto de autonomía para incluír o concerto económico e permitir que Galiza teña a chave dos seus cartos, como xa ten Euskadi e Navarra e como xa negocia Catalunya.
O BNG lanza esta iniciativa, explicou Pontón, consciente de que o debate do modelo de financiamento é un dos grandes asuntos que está sobre o taboleiro político e, sobre todo, co obxectivo de evitar que Galiza quede atrás pola submisión do goberno de Rueda ao PP de Madrid, que mesmo lle leva a rexeitar a quita da débeda negociada polo BNG no acordo de investidura pese a que suporía un aforro de miles de millóns.
“Estamos ante un debate clave pero Rueda pon os intereses do PP de Madrid por diante de Galiza, antepón a estratexia partidista de Ayuso e de Feijóo ós intereses deste País”, denunciou Pontón, para quen esa “deslealdade” do xefe do Executivo “explica que defenda, con meros retoques, un modelo de financiamento inxusto que nos deixa un déficit de 13.975 M€ segundo os datos do Consello de Contas; e explica que lle negue a Galiza a chave dos seus cartos como xa ten Euskadi e Navarra e como moi pronto vai ter Cataluña”.
“O PP quere condenarnos a ter un sistema de financiamento que nos discrimina e non o imos permitir, non lle imos permitir que deixe quedar a este País atrás”, destacou Pontón, tras avanzar a proposta do BNG de reformar o Estatuto. A intención é empezar os traballos canto antes a través dun grupo de persoas expertas que redactarán unha proposta para darlle a Galiza o control do 100% dos seus recursos.
“Un goberno leal a Galiza estaría intentando levar ao máximo o autogoberno fiscal e financeiro para mellorar a vida dos galegos e das galegas e ese é o obxectivo desta proposta do BNG de reforma do Estatuto, para permitir que teñamos un concerto económico que nos aporte máis recursos para mellorar a sanidade, a educación ou a dependencia”, explico a líder nacionalista.
Para o BNG é urxente superar o actual modelo centralista que lle permite ao Estado facer caixa con Galiza, de feito, só no último exercicio liquidado a diferencia entre recadación e retorno superou os 5.000 M€, “é a factura do centralismo que o goberno de Rueda defende e abraza”, criticou.
Darlle a Galiza o financiamento que se merece será unha das prioridades políticas do BNG neste 2025 pero a portavoz nacional tamén fixo referencia a outras urxencias que afrontar “para defender Galiza do goberno máis desleal da historia”.
Empezando pola vivenda, misión imposible para miles de galegos e galegas. “É urxente que a vivenda volva ser un dereito das persoas para desenvolver dignamente as súas vidas”, explicou Pontón, quen esta mesma semana presentou as tres liñas de actuación do BNG nesta materia: aumentar o parque de vivenda protexida que darlle ter esa cualificación a perpetuidade; intervir no mercado para limitar prezos e unha rede social que evite que ningunha persoa quede na rúa.
Tamén entre as prioridades do Bloque, a defensa dos servizos públicos; frear a bomba ambiental de ALTRI, -“porque a política industrial non pode consistir en cargarse miles de empregos na terra e no mar colocando no noso rural a macrocelulosa que non quere Portugal”-, e parar o espolio eólico, apostando pola enerxía eólica pero cunha planificación a favor deste País e da súa xente, “en función dos intereses das familias, da clase traballadora, das pequenas e medianas empresas”, alegou.
Igualmente entre as urxencias do traballo político do BNG reverter a crítica situación do galego, e para iso hai que actuar de inmediato “non dentro de quince meses”, subliñou. Empezando por derrogar o decreto da vergoña tras constatar que a xeración educada integramente baixo ese decreto é a que menos coñecemento ten do galego de toda a historia. “Non imos deixar que se lles roube ás futuras xeracións o seu dereito a coñecer e a súa liberdade a vivir na nosa lingua”, asegurou.
Tres anos para liderar o País
Neste primeiro Consello Nacional tras a XVIII Asemblea nacional, Pontón destacou que o BNG está no seu mellor momento para lograr o obxectivo que marcou a militancia na cita de decembro: liderar Galiza, e que nese camiño o Bloque manterá unha política de ideas e proxectos e seguirá falándolle á maioría social.
“Gobernar para frear a destrución que o PP está a provocar, gobernar desde a confianza e desde o orgullo de saber que somos un gran País”, proclamou, recalcando que quedan tres anos por diante para lograr ese gran reto. Tres anos para seguir fortalecendo a organización e ensanchando a base social e electoral; para seguir avanzando nos concellos e sumar máis vilas e cidades con gobernos municipais do BNG e para seguir traballando coas mans libres “fronte a un goberno do PP desleal co País, entregado ao centralismo madrileño e ás multinacionais”.
“Se queremos poñer en marcha as grandes transformacións que o noso País precisa, non hai tarefa máis urxente que acabar co réxime absolutista do Partido Popular e conseguir que o nacionalismo galego lidere un goberno da Xunta leal aos galegos e galegas”, concluíu.