Senado

BNG demanda a gratuidade da AP-9 no tramo Pontevedra-Vigo e iniciar os trámites para anular a súa concesión

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva urxe o Goberno a amosar o seu compromiso para impulsar a tramitación da Proposición de Lei para a transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico á Galiza.

“Para o BNG é unha prioridade rematar coa concesión da AP-9 para que sexa unha vía de xestión pública galega e gratuíta” afirma a senadora do BNG

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas na cámara alta para demandar ao Goberno do Estado a gratuidade da AP-9 no tramo Pontevedra-Vigo, por tratarse dunha vía de comunicación fundamental para a mobilidade diaria da área Vigo-Pontevedra na actualidade, e que inicie os trámites para anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da Autoestrada para asumir a xestión directa da autopista e a supresión das peaxes. Así mesmo, a senadora nacionalista reclama ao Goberno que manifeste o seu compromiso para impulsar a tramitación da Proposición de Lei Orgánica para a transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Comunidade da Galiza.

Para paliar a situación da AP-9 e co obxectivo inquebrantábel que ten o BNG de conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes, a organización nacionalista acordou co Goberno medidas para reducir o custo das portaxes para usuarios e usuarias de até 75% que se comezaron a aplicar recentemente. Con todo, a organización rexistrou propostas para demandar a gratuidade en determinados tramos da autopista en que, pola execución de obra, polo volume de tráfico e por ser zonas de intensa circulación deberían ser liberadas de maneira inmediata.

“O traxecto Pontevedra-Vigo trátase do tramo de pago que máis usuarias ten nun día laborábel e a distancia é de apenas 26 quilómetros. É a vía de comunicación máis empregada para os desprazamentos entre estas dúas cidades do sur da Galiza” sinala a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva reclama ao Goberno do Estado aprobar de maneira inmediata a gratuidade  deste tramo da Autoestrada do Atlántico “por tratarse dunha vía de comunicación fundamental e a única alternativa realista para absorber o elevado volume do tráfico existente”.

Para o BNG, continúa explicando a senadora do BNG, é unha prioridade rematar coa concesión da AP-9 e que sexa unha vía de xestión pública, galega e gratuíta. Por este motivo, nas iniciativas rexistradas a organización nacionalista urxe o executivo a iniciar os trámites para a anulación da prórroga de 25 outorgada á concesionaria da AP-9 e asuma a xestión directa da autopista e a supresión das peaxes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG