Galiza soporta un modelo de financiamento centralista, inxusto e discriminatorio, que lle fai perder miles de millóns de euros imprescindibles para blindar os servizos públicos ou apoiar aos sectores produtivos. De feito, o propio Consello de Contas cifra en 1.534 M€ o déficit anual do actual sistema.
O BNG quere mudar esta situación e propón un concerto económico que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos e para iso traballa xa nunha proposición de lei orgánica de modificación do Estatuto que permita incluír esa alternativa.
“Queremos que Galiza teña a chave dos seus cartos e para conseguilo a mellor alternativa e dotarnos dun concerto económico, alternativa que pasa por unha reforma do Estatuto para recoller unha opción da que xa dispón Euskadi e Navarra, e ben que lles vai!”, explicou Pontón. Catalunya está en plena negociación para conseguilo e Galiza non pode quedarse atrás, “non pode ser a única nación que quede fora da soberanía fiscal e financeira, imprescindible para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, explicou tras a primeira reunión con expertos para recoller aportacións.
Hai que “mover ficha” cantos antes, recalcou, para frear a perda de recursos: 23.000 millóns de euros de déficit desde 2009 segundo o Consello de Contas, cifra que se eleva a 59.364 millóns se temos en conta a diferencia entre o que o Estado ingresa por impostos pagados en Galiza e o que despois retorna en investimento.
Fronte a este modelo discriminatorio e inxusto, “a aportación de Rueda é ser desleal con Galiza pregándose os intereses do PP de Madrid, négase a reclamar a quita da débeda negociada polo BNG que permitiría aforrar miles de millóns de euros e, ademais, insiste en manter un modelo financiamento centralista letal para este País”, denuncia a portavoz do Bloque.
Como guinda da torta, o PP acaba de votar en contra de que Galiza reciba 700 M€ dos a través da actualización das entregas a conta, algo que non ocorrería se Galiza tivese un concerto económico. “Pero Rueda cala e responde cun si bwana a unha estratexia partidista que prexudica os intereses de Galiza, é un disparate”, sentencia.
O BNG quere darlle a volta a esta situación e cambiar un modelo que non funciona a través dunha Proposición de lei orgánica de reforma do Estatuto e implantación do concerto económico, proposta que malia o limitado do marco político encaixa no marco constitucional que recoñece que Galiza dispón de autonomía financeira para o desenvolvemento e execución das súas competencias consonte aos principios de coordinación da facenda estatal.
En contraste coa progresiva asunción de competencias das últimas catro décadas, o Estado mantén unha férrea centralización das competencias tributarias, de tal xeito que sigue controlando case de xeito absoluto os ingresos recadados e a capacidade para distribuílos. “É insostible que Galiza dedique practicamente o 80% dos seus orzamentos a manter os servizos públicos pero non teña capacidade de decidir de xeito relevante nos impostos que se pagan e se recadan aquí”, alega Pontón.
Por iso, ter a chave dos cartos a través dun concerto económico é fundamental para blindar os servizos públicos, para mellorar a vida das persoas e para poñer en marcha as grandes transformacións que precisa a Galiza do futuro. Co ese obxectivo, a proposición de lei orgánica na que traballa o BNG inclúe territorializar o sistema fiscal para lograr capacidade de recadación e capacidade normativa plena.
Igualmente, inclúe que todas as empresas que traballen aquí ou exploten os recursos naturais do País paguen impostos aquí, así como a creación dunha axenda tributaria propia con capacidade de xestión, recadación, inspección e sanción. Son algunhas das medidas que inclúe a proposta na que traballa o Bloque para mellorar o financiamento de Galiza.
“Temos claro que Galiza precisa até o último euro dos seus recursos e que non podemos seguir cun modelo no que os cartos que se recadan aquí van para Madrid e despois se distribúen entre outros territorios que desfrutan de infraestruturas polas aquí levamos décadas esperando ou mentres estamos á cola en investimento por habitante en atención primaria; en dependencia; en pensións ou en emancipación da xente moza”, concluíu Pontón.
Levamos décadas soportando un modelo que nos discrimina e nos prexudica, é hora de dar un paso adiante e darlle a Galiza un sistema de financiamento xusto e iso empeza por que teñamos a chave dos nosos cartos.