O BNG, xunto á Fundación Galiza Sempre, desenvolverán ao longo deste 2025, o Ano Castelao, unha campaña para reivindicar ao longo e ancho do País a figura do ilustre rianxeiro, non só como artista, escritor ou pensador, senón, sobre todo, como político e referente do nacionalismo galego.
“As súas ideas son presente e son futuro. O seu pensamento segue a ser unha referencia ineludíbel para quen loitamos por unha Galiza máis xusta, próspera e con capacidade para decidir o seu propio destino”, destacou a responsábel de Organización do BNG, Lucía López, quen presentou, xunto ao presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, o programa de actividades con motivo do 75 cabodano de Castelo.
Ámbolos dous reivindicaron a vixencia no contexto actual do pensamento político dunha figura esencial do nacionalismo galego. “Un Castelao sen manipulación é un Castelao eminentemente político, e non se pode entender a Castelo sen falar de nacionalismo galego”, salientou Rubén Cela.
No mesmo sentido, Lucía López reivindicou a figura de Castelao “na súa totalidade, sen reducionismos e sen intentos de desvirtuar ou manipular o seu pensamento” porque, engadiu, o autor de Sempre en Galiza “foi sempre claro e contundente: Galiza é unha nación e ten dereito a decidir libremente o seu destino”.
É por iso que o programa de actos que desenvolverá o Bloque e a Fundación Galiza Sempre non será só unha celebración da súa memoria, senón tamén unha oportunidade para coñecer máis sobre o seu pensamento político e a súa obra, que recolle as ideas chave sobre as que se articula a proposta doutrinal do nacionalismo galego.
A primeira gran cita da campaña que se presentou este sábado, e que se desenvolverá ao longo de todas as comarcas do País con conferencias, obradoiros e outras actividades en medio cento de localidades, será a Homenaxe Nacional a Castelao que o BNG desenvolverá en Rianxo o vindeiro 25 de xaneiro.
Entre o actos previstos, que inclúen tamén actuacións audiovisuais e nas redes sociais, destaca a celebración, no último trimestre do ano, dun gran simposio sobre Castelao que contará coa participación de persoas expertas na súa obra para analizar tanto a súa traxectoria como o impacto e vixencia das súas ideas nos nosos días, tal e como avanzou Lucía López, quen recalcou o compromiso do BNG por seguir traballando para que a loita de quen segue a ser “figura esencial para entender Galiza”, non quede reducida a unha mera lembranza histórica, “senón que siga a ser unha guía de acción política e social”.
Enmarcado no seu cometido de estudar a historia do País e a memoria histórica, a partir do vindeiro martes, día sete, a Fundación Galiza Sempre comezará a distribución dunha publicación sobre Castelao, incluída na súa colección de grandes efemérides, segundo explicou Rubén Cela, quen destacou a participación, entre outros, de Xoán Carlos Garrido, un dos grandes especialistas sobre o pensamento político de Castelao.
Dentro dos seus ‘Diálogos coa Periferia’, a Fundación Galiza Sempre abordará tamén as relacións de Castelao con outras nacións e para iso, entre os días 24 e 26 de xaneiro, organizará ponencias en diferentes cidades galegas sobre a vinculación do autor de Rianxo con Blas Infante e con Andalucía. Participará como relator Javier García, profesor de Historia e Relacións Internacionais da Universidade Europea.
Este mesmo mes, segundo avanzou tamén Rubén Cela, comezará unha campaña en redes sociais para “socializar” e dar a coñecer algunha das citas máis célebres de Castelao efemérides da súa traxectoria vital. Haberá, ademais, unha programación especial sobre Castelo no Festigal.
Lucía López fixo un chamamento a todos os galegos e as galegas a participar nos actos cos que o BNG e a Fundación Galiza Sempre van celebrar o “auténtico Ano Castelao” e que servirán non só para poñer en valor no só a súa entrega en defensa de Galiza “senón tamén as leccións que nos deixou e a plena vixencia do seu pensamento que foi e é semente frutífera para o conxunto do nacionalismo galego e un guieiro para o BNG”.