O BNG denuncia o incumprimento deliberado do Goberno do PP co seu labor de control dos pisos turísticos co obxectivo de favorecer que estes sigan aumentando. A deputada Alexandra Fernández alerta de que a propia Xunta vén de recoñecer que o seu rexistro carece de validez pola súa política de descontrol absoluto.
“Dende o BNG vimos denunciando que a situación do rexistro da Xunta é de absoluto descontrol e agora dannos a razón, ao recoñecer, nun escrito ao concello de Santiago que non dá resposta ao requirimento enviado por este en decembro, que o seu propio rexistro autonómico carece de validez”, revelou. “Eles mesmos recoñecen que a inscrición dun piso turístico no rexistro non implica que este sexa legal, porque o descontrol é absoluto”.
A portavoz de vivenda do BNG recordou que o Bloque vén denunciando o “incumprimento deliberado” da Xunta no seu labor de control dos pisos turísticos, aplicando unha política que consiste en rexistrar todas as solicitudes, independentemente de se cumpren ou non coa normativa.
“Todo para favorecer que cada vez máis propietarios destinen as vivendas a actividade turística, antes do que a un aluguer habitual, aínda que a lexislación llo impida e sabendo a situación de crise de vivenda que existe”, manifestou.
Exemplificou co centro histórico de Santiago, que prohibe desde hai anos de albergar pisos turísticos, para constatar que que existen 210 inmobles dados de alta pola Xunta no seu rexistro, e, “o que é peor, négase a dalos de baixa”, subliñou.
Lembrou que, en só sete anos, o número de pisos rexistrados en Galiza como Vivenda de Uso Turístico (VUT), pasou de 500 a 26.000, “sen que a Xunta se encargase de verificar que cada un destes cumprisen coa normativa”.
É por iso que o BNG pedirá de novo explicacións na Cámara galega e reclamará ao Executivo de Rueda que poña fin a esta forma de funcionar que, “a todas luces é neglixente e deliberada”, porque a situación corrixiríase “esixindo e verificando que os propietarios conten co correspondente título habilitante municipal para tramitar a alta”, aclarou.
“Que a Xunta está actuando de forma deliberada para favorecer a expansión dos pisos turísticos é evidente”, acusou Fernández, porque a estratexia é coincidente con outras medidas que van na mesma liña.
En concreto, a deputada nacionalista referiuse ás subvencións directas a propietarios para que fagan máis pisos turísticos, como os 700.000€ de subvención que recibiu unha empresa que especula coa vivenda para crear 11 pisos turísticos no centro de Vigo.
Tamén fixo fincapé na “imposición aos concellos de que os baixos comerciais se poidan transformar en vivenda, porque sabemos que moitas, polos problemas de privacidade que xeran, rematarán sendo explotadas para actividade turística”, recalcou.
Ademais, acusou ao Goberno de Rueda de non exercer unha política de control para evitar que subvencións para a rehabilitación de vivenda rematen sendo axudas para a posta en marcha de pisos turísticos, é dicir, que en lugar de favorecer o acceso á vivenda, agrávao”, puntualizou.
Por último, o Bloque tamén quere denunciar que o papel da Xunta non remata no rexistro, senón que o Goberno galego ten competencias en materia de vivenda para actuar sobre este problema, con medidas como o establecemento dun tope máximo de pisos turísticos, para que as necesidade de vivenda da poboación estean garantidas.
Ademais, o BNG apela á responsabilidade das plataformas dixitais, onde se anuncian milleiros de pisos turísticos ilegais e incide en que papel do goberno do Estado e da Comisión Europea é clave para que as grandes plataformas dixitais cumpran as regras.