Olalla Rodil pide á TVG a rectificación inmediata dun bulo no que afirma que o BNG non asistiu ao acto da Fundación Castelao

Representación BNG no acto da Fundación Castelao
Representación BNG no acto da Fundación Castelao

A viceportavoz parlamentaria e membro da Executiva nacional destaca que ela mesma estivo no evento xunto con outras integrantes do Bloque

Apela á Lei 2/1984 para esixir a rectificación desa “groseira manipulación” da que é cómplice o conselleiro de Cultura coas súas declaracións

“Estiven sentada dous bancos detrás do propio conselleiro, xa sei que no  son  tan alta coma el pero tampouco son invisible”, ironiza a nacionalista

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil remitiu este venres unha carta ao director da Crtvg, Alfonso Sánchez Izquierdo, para pedir a rectificación inmediata dun bulo no que se afirma que o BNG non asistiu ao acto da Fundación Castelao do pasado día 7 de xaneiro en Bonaval.

Foto Fundación Castelao
Foto Fundación Castelao

REPRODUCIMOS CARTA:

Estimado Sr. Sánchez Izquierdo:

Escríbolle esta carta logo do acontecido no Telexornal Mediodía da TVG o 10 de xaneiro de 2025. Neste espazo informativo produciuse un feito gravísimo e inadmisible que nos obriga desde o Bloque Nacionalista Galego a esixir formalmente o dereito de rectificación de acordo co disposto na Lei Orgánica 2/1984, de 26 de marzo.

No devandito informativo o xornalista fai a seguinte afirmación que procedemos a transcribir na súa literalidade:

“Neste ano dedicado a Castelao a Xunta está organizando actividades para lembrar a figura deste galego universal. Nun destes primeiros actos, organizado pola Fundación Castelao, non estivo o BNG. Para o Conselleiro de Cultura trátase dunha triste noticia”.

A seguir procédese ao inserto das declaracións do conselleiro que insiste na mesma idea.

É obvio que o que se di é total e absolutamente mentira e a CRTVG sábeo ou debera sabelo porque cubriu ese acto tendo imaxes nas que se poden ver as persoas que asistiron en representación do Bloque Nacionalista Galego.

No Panteón de Galegas e Galegos Ilustres no acto que se menciona estiveron presentes co gallo do 75 cabodano da morte de Castela eu mesma, como viceportavoz parlamentaria e membro da Executiva nacional do BNG;  Goretti Sanmartín que, ademais de alcaldesa de Santiago de Compostela,  tamén forma parte da Executiva nacional do BNG, sentada na primeira ringleira de autoridades.

Ademais, estiveron presentes: a deputada da Deputación de Lugo, Iria Castro, tamén do BNG, a deputada provincial da Deputación da Coruña, Natividade González, tamén do BNG, así como a tenente de Alcaldesa de Compostela, Miriam Louzao, tamén do Bloque Nacionalista Galego.

Resulta desde calquera punto de vista inadmisíbel que os medios de comunicación públicos difundan unha mentira dando por certas de maneira absolutamente acrítica as declaracións do conselleiro de Cultura. Porén, o acontecido, deixa en evidencia unha vez máis o que tantas veces temos denunciando desde o BNG e os propios xornalistas da CRTVG: o grao de manipulación que existe nos medios públicos postos ao servizo dos intereses partidistas do PP.

É indigno para unha corporación pública que ten na súa misión de servizo público a garantía dun xornalismo presidido pola información veraz que algo así aconteza.

É por iso que lle pido, en nome da miña organización política mais sobre todo en nome da verdade, que rectifiquen de maneira inmediata e con arranxo ao disposto na Lei 2/1984 esta mentira, esta groseira manipulación.

Agardo que así sexa e que esa rectificación se acompañe dunhas desculpas públicas xa non cara ao BNG senón cara ás galegas e galegos que son as únicas e lexítimas propietarias da radio e da televisión públicas de Galiza.

Sen máis, reciba un cordial saúdo.

 

Olalla Rodil

Viceportavoz do G.P. do BNG

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG