A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa hoxe na reunión inaugural do denominado “Grupo da Haia”, como convidada especial polo seu papel relevante na defensa do dereito do Pobo Palestino e na denuncia do xenocidio en Gaza. Precisamente esta acción diplomática internacional ten por obxectivo a defensa da xustiza internacional, subliñar a solidariedade internacional co Pobo Palestino e impoñer medidas fronte ao xenocidio cometido por Israel.
“É fundamental desenvolver unha acción internacional coordinada non só de respaldo ao Pobo Palestino e da xustiza internacional, senón tamén de denuncia das violacións do dereito internacional por parte de Israel”, explica a eurodeputada do BNG, que ademais de participar na reunión inaugural deste grupo desenvolverá encontros bilaterais con distintos parlamentarios de países que lideran a solidariedade con Palestina e líderes da sociedade civil.
Esta iniciativa, -liderada por Sudáfrica, Colombia, Chile, Namibia, Honduras, Belice e Malaisia-, nace co obxectivo da busca de xustiza internacional en Gaza xa que a pesar da condena internacional, non existía ningunha acción coordinada e unificada para impoñer medidas xurídicas, económicas e consecuencias diplomáticas polas acciones ilegais de Israel.
“Estamos diante dun momento histórico”, sinala Ana Miranda, quen defende que as actuacións do goberno de Israel non poden quedar impune diante das arredor de 60.000 persoas asasinadas por Israel, na execución dun claro plan de limpeza étnica na franxa de Gaza. “Queremos que Israel renda contas polo xenocidio cometido en Gaza contra o Pobo Palestino”, subliña a eurodeputada galega.