Senado

BNG exixe ao Goberno reparar a memoria das mulleres represaliadas pola institución franquista do Padroado de Protección da Muller

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva urxe dignificar a todas as mulleres que durante a ditadura franquista e no período da Transición estiveron baixo o xugo desta institución do réxime

Máis perspectiva de xénero, no marco de impulsar políticas de memoria democrática, e desenvolver en colaboración coas CCAA traballos sobre a represión exercida contra as mulleres

A senadora do BNG, Carme da Silva, reclama ao Goberno impulsar políticas de memoria democrática con máis perspectiva de xénero introducindo o recoñecemento, a rehabilitación e a dignificación das mulleres que foron represaliadas e confinadas polo Padroado de Protección da Muller durante a ditadura franquista e até 1985. A organización nacionalista demanda realizar un recoñecemento público e reparar as formas especiais de represión e violencia exercida contra as mulleres durante o réxime franquista e desenvolver, en colaboración coas CCAA, traballos de investigación sobre este tipo de represión.

A Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022 non recolle a necesidade de reparar, rehabilitar e dignificar a memoria de todas aquelas mulleres  represaliadas e confinadas no Padroado de Protección da Muller, institución creada durante o franquismo que continuou exercendo até 1985. O Padroado estaba encargado da “dignificación mural da muller, especialmente das mozas, para impedir a súa explotación, apartalas do vicio e educalas con arranxo ás ensinanza da Relixión Católica”.

“O Padroado castigou calquera conduta transgresora que cuestionara as normas ultracatólicas e morais do franquismo. Mulleres intelixentes, valentes, con ideas propias e avanzadas ao seu tempo remataron no cárcere. Foron vítimas da violencia institucional patriarcal. Vítimas dun Padroado que constituíu unha das institucións máis represivas e crueis da ditadura” sinala a senadora do BNG, Carme da Silva.

Para o BNG, é hora de facer xustiza “con todas esas mulleres que padeceron unha persecución cruel, que foron invisibilizadas e privadas de liberdade por defender valores democráticos e querer ser libres”. Elas, afirma Carme da Silva, tamén foron protagonistas da resistencia ao fascismo tanto no ámbito privado como no público.

“Coñecer as súas vidas e honrar as súas memorias é un acto de orgullo, de reparación e de dignidade. É, en definitiva, contribuír a impulsar políticas públicas de memoria con perspectiva de xénero” subliña a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva pide ao Goberno do Estado que desenvolva –xunto coas Comunidades Autónomas- traballos de investigación sobre a represión exercida contra as mulleres no seo do Padroado de Protección da Muller, facilitándose o acceso a toda a documentación dispersa en distintas institucións, recollendo tamén a testemuña das mulleres superviventes que foron encerradas en diferentes centros da Rede de Casas de Acollida rexentadas por congregacións relixiosas.

En opinión da senadora do BNG, o Goberno do Estado debería realizar “un recoñecemento público e reparar as formas especiais de represión e violencia exercida contra as mulleres na ditadura franquista como consecuencia da súa actividade pública, política, sindical e intelectual ou a privación de liberdades e penas por delitos de adulterio e interrupción voluntaria de embarazo”.

Desde 1941 até 1985 represaliando as mulleres

Coa farsa misión de rematar coa prostitución clandestina de menores de idade, aprobouse un decreto en 1941 como paraugas para exercer un férreo control patriarcal sobre aquelas mulleres que desafiaban os estereotipos de boa e virtuosa muller que as relegaba a un papel de beatas, esposas submisas e nais.

Mulleres de entre 16 e 25 anos confinadas nunha Rede de Casas de Acollida rexentadas por congregacións relixiosas que a igrexa puxo ao dispor da ditadura para convertelas nunha rede de cárceres como as Oblatas, as Terciarias Capuchinas, as Trinitarias, as Cruzadas Evanxélicas, etc. “Sufriron todo tipo de vexacións, humillacións e foron obrigadas a realizar traballos para empresas sen recibir ningunha remuneración” denuncia a senadora do BNG.

“Coñecemos algunhas historias, poucas, de mulleres que na Galiza e outras partes do Estado foron encerradas no Padroado durante a súa adolescencia e mocidade pero multitude delas permanecen silenciadas” lembra Carme da Silva. 

Esta situación mantívose durante décadas baixo un manto de silencio que aínda perdura porque hai moi poucos estudos sobre esta estrutura patriarcal franquista, a pesar de que existe documentación dispersa en diferentes institucións como as Xuntas Provinciais, os Arquivos Históricos Provinciais, Congregacións relixiosas e outras institucións cos consecuentes problemas de localización e dificultades de acceso á documentación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG