BNG denuncia que a Xunta converteu San Simón na “illa da Desmemoria”

Illa de San Simón
Illa de San Simón

Propón un plan de usos do BIC e unha programación anual de actividades divulgativas e pedagóxicas centradas na memoria histórica

Luís Bará advirte que Rueda e o PP “están branqueando o franquismo”, “banalizando a illa” e “aldraxando as vítimas e as súas familias”    

O BNG celebrou en Cesantes, Redondela, á beira da Illa de San Simón, un encontro de cargos públicos e orgánicos dos concellos da ría de Vigo e deputadas e deputados no Parlamento galego para denunciar o uso que a Xunta lle está a dar a este espazo, ignorando o seu pasado como lugar de represión, minimizando as duras condicións de vida e as mortes que sufriron as persoas que estiveron alí recluídas, e converténdoo nun parque de atraccións con actividades diversas nas que ten cabida de todo, menos actos de memoria histórica.

“Durante o ano 2006, a Xunta declarou San Simón Illa da Memoria e cando o Partido Popular chegou ao goberno en 2009 bautizouna como Illa do Pensamento, mais na realidade converteuna na Illa da Desmemoria e do Esquecemento”, advertiu o deputado e portavoz de Memoria Histórica, Luís Bará, quen subliñou que o Executivo do PP privatizou na práctica a xestión da illa.

O grande espazo simbólico da memoria, privatizado e mercantilizado

Neste sentido, o Bloque recrimina ao Goberno de Alfonso Rueda que ceda o espazo a empresas privadas para que desenvolvan nel actividades de carácter lucrativo, vulnerando deste xeito as condicións da concesión feita polo Executivo central que establece o principio de acceso público e gratuíto e o uso principal de tipo docente e cultural.

Así pois, no acto celebrado en Cesantes e no que participaron cargos dos concellos de Redondela, Vigo, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas, o BNG denunciou que a Xunta promove que navieiras e outras empresas organicen actividades de carácter lucrativo, como festivais musicais de pago, cursos de ioga con estadías na residencia ‘Stella Maris’, “gincanas” ou actividades de “busca do tesouro” e “de orientación”.

Mesmo en 2019 chegou a autorizar unha festa de Hallowen co macabro reclamo de “Ven a pasar una noche de terror en San Simón”, actividade que non chegou a realizarse polo mal tempo e logo dunha campaña de denuncia das familias e das asociacións memorialistas.

Ademais, cómpre recordar tamén que, na súa aversión á memoria histórica, o Executivo do PP eliminou todos os programas impulsados polo BNG no goberno da Xunta e non desenvolve ningunha actividade neste ámbito de actuación. De feito, o único acto memorialista que se fai en San Simón é a Homenaxe Nacional ás Vítimas da represión franquista que organiza a Iniciativa Galega Pola Memoria no mes de xullo.  

Bará explicou na súa intervención que San Simón non é un lugar calquera e que non todas as etapas e episodios históricos da illa son equiparábeis. “San Simón é, xunto con Meirás, un dos grandes espazos simbólicos da memoria histórica galega. A etapa do campo de concentración ten unha memoria viva, dolorosa para centos de familias para as que non é indiferente o que se fai alí”, subliñou.

O portavoz de Memoria Histórica do BNG advertiu neste sentido que “coas súas declaracións, e sobre todo coas súas actuacións, Rueda e o PP están branqueando o franquismo, banalizando o pasado da illa e aldraxando as vítimas e as súas familias”.

O Bloque levará aos plenos municipais e ao Parlamento propostas para a dignificación de San Simón como lugar de memoria

Para rematar con esta “malversación” de San Simón, o Bloque vai impulsar, tanto nos concellos da ría de Vigo como no Parlamento, un conxunto de iniciativas para dignificar a Illa de San Simón como lugar de memoria.

En primeiro lugar, solicitará que a illa sexa declarada lugar de memoria democrática, tal e como demandou a Iniciativa Galega pola Memoria. Esta declaración, prevista na lei de memoria democrática de 2022, implica unha obriga de sinalización e de divulgación do significado histórico do espazo como lugar de represión e resistencia democrática. O BNG considera necesario que San Simón acolla unha programación anual de actividades divulgativas e pedagóxicas centradas na memoria.

Ademais, proporá a aprobación dun plan de usos no que se determine que tipo de actividades se poderán desenvolver na illa (entre as que por suposto teñen cabida actividades culturais e formativas acordes coa historia e o significado do lugar) e, sobre todo, aquelas que non se deben permitir por considerarse ofensivas cara as vítimas e as súas familias. “Ninguén entendería que se organizasen en Mauthansen ou nin sequera nun cemiterio actividades lúdicas e recreativas como as que se organizan en San Simón”, sintetizou o deputado nacionalista.  

Pola súa parte, o portavoz municipal en Redondela, Xoán Carlos González, que tamén interveu no acto, explicou as iniciativas presentadas polo BNG no concello, a última delas, demandando ao goberno municipal que cumpra o previsto na lei do patrimonio cultural de 2016 e que, polo tanto, regule mediante o PXOM, ou con un documento específico, a normativa de usos do BIC Illas de San Simón e San Antón.

Finalmente tomou a palabra María Ortega, concelleira de Memoria Histórica de Moaña, quen demandou respecto por parte da Xunta para as vítimas e as súas familias e fixo unha especial reivindicación da memoria das mulleres, como vítimas da represión franquistas, mais tamén como protagonistas da solidariedade e da resistencia. Tal e como exemplifican, no caso de San Simón, as “madriñas”, que teceron unha rede de apoio e solidariedade que salvou moitas vidas e axudou a sobrelevar as duras condicións do presidio.  

“Estamos aquí para demandar políticas públicas da memoria por parte do Goberno galego, para representar as familias dos nosos concellos que sufriron a represión na illa e para esixirlle á Xunta do PP que deixe de faltarlles ao respecto”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG