Brañas, espazos de diversidade e de vida

Brañas do Ulla (Foto: Noelifeans)
Brañas do Ulla (Foto: Noelifeans)
BNG fai unha chamada de alerta sobre a delicada situación do río Ulla e da ría de Arousa, ecosistemas húmidos de grande valor ecolóxico, social e produtivo e que sofren as ameazas de proxectos depredadores e contaminantes como a macrocelulosa de Altri ou a mina do Pino-Touro

Con motivo do Día Internacional das brañas, que se celebra o 2 de febreiro, o BNG fai unha chamada de atención sobre a desprotección e degradación destes ecosistemas que son fundamentais para a conservación da biodiversidade e a prevención do cambio climático: as brañas teñen moita importancia na regulación do ciclo hidrolóxico -polo tanto na prevención de riadas- e na preservación dos recursos hídricos, un ben esencial para a natureza, para a actividade económica e para a vida humana.

Malia o seu alto valor social ambiental, son espazos que sofren diversos tipos de ameazas e agresións por causa de aterros, drenaxes, construción de infraestruturas, instalacións de equipamentos, vertidos contaminantes, polígonos eólicos e monocultivos forestais.

Moitos deles coma as Brañas do Deo, as Marismas de Baxoi, as Brañas de Carnota e Mazaricos, as turbeiras da Serra do Suido ou as brañas do Barbanza non contan con axeitada protección e sofren unha degradación continuada. E nin sequera humidais protexidos como o grandioso conxunto de turbeiras da Serra do Xistral, incluido na Rede Natura, está a salvo de ameazas e agresións. As turbeiras son auténticas catedrais da natureza que se dan en chairas elevadas, que son grandes depósitos de carbono e arquivos da evolución paleoclimática.

Con motivo desta data, o BNG fai unha chamada de alerta sobre a delicada situación do río Ulla e da ría de Arousa, ecosistemas húmidos de grande valor ecolóxico, social e produtivo e que sofren as ameazas de proxectos depredadores e contaminantes como a macrocelulosa de Altri ou a mina do Pino-Touro.

Finalmente, o BNG fai un chamamento á sociedade galega para que defenda este valioso patrimonio colectivo e esixe ao goberno da Xunta que vaia máis alá de actuación cosméticas e propagandísticas e leve a cabo un ambicioso plan de conservación, protección e rexeneración dos humidais galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG