BNG levará ao Parlamento a proposta de recoñecer a Castelao de xeito oficial e legal como 1º presidente de Galiza

Pontón: “Temos que rescatar a nosa memoria histórica e facer un recoñecemento que debe ser estudado nos centros de ensino para coñecementos das novas xeracións”

O Bloque arranca en Pontevedra a celebración do Ano Castelao cun profuso programa con multitude actos baixo o lema Castelao nacionalista

O BNG arrancou a celebración do Ano Castelao en Pontevedra cun acto de homenaxe con motivo do 75 aniversario do seu pasamento no que a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento unha iniciativa para que Castelao sexa declarado de xeito “oficial e legal” o primeiro presidente de Galiza, rememorando que foi este rianxeiro universal quen desde o exilio deseñou e presidiu o Consello de Galiza hai oitenta anos, un goberno para o País con el á fronte en plena ditadura.

“Castelao inspira e preside ese goberno no exilio e convértese no noso primeiro presidente, un feito que merece ser recoñecido coa relevancia que ten. Por iso neste inicio do Ano Castelao quero anunciar que imos levar unha iniciativa ao Parlamento para que se recoñeza de maneira oficial e legal a Castelao como primeiro presidente de Galiza”, anunciou a líder do BNG, “trátase de rescatar a nosa memoria democrática, facer xustiza e recoñecer que o primeiro presidente deste País, por dereito propio, foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao desde o exilio”.

Pontón destacou que oito décadas despois, “o Consello de Galiza preséntasenos como unha aposta ambiciosa e admirábel, a dignidade dun pobo que loita pola liberdade cando un golpe militar provocara unha durísima represión e impuxera unha ditadura que se ía prolongar por corenta anos”. Ese recoñecemento a Castelao supón saldar unha débeda histórica e debe ser estudado nos centros de ensino do País, “porque as novas xeracións de galegos e galegas teñen que coñecer o inmenso labor de quen traballou e soñou polo futuro de Galiza cos pés na terra”, alegou na súa intervención.

Setenta e cinco anos despois da súa morte, o BNG recolle as palabras da súa compañeira de vida, Virxinia Pereira, para insistir en que todo o que facía Castelao, desde a súa obra artística até as súas investigacións, foi "esencialmente política" e son o legado extraordinario dun nacionalista que quería "trocar as ideas en feitos". Neste sentido,  o Bloque celebrará esta efeméride cunha profusa programación de actos por todo o País baixo o lema Castelao nacionalista, para subliñar “a verdadeira dimensión dunha figura imprescindíbel da nosa historia, un referente de honestidade e confianza en Galiza e un defensor dos nosos dereitos como pobo”.

O recoñecemento oficial e legal como primeiro presidente de Galiza saldará unha débeda histórica dunha figura “honesta, leal e dunha dimensión histórica única, que nos achegou non só unha obra inmensa presidida polo amor a Galiza, senón unha traxectoria vital de defensa férrea dos dereitos da nosa terra, da nosa lingua e a nosa cultura mais tamén do noso dereito a producir e a construír un futuro mellor”, explicou.

Un político que estivo sempre á beira de quen máis o precisaba, das mulleres e homes labregas e mariñeiras, das que se viron na obriga de emigrar para sobrevivir, das que loitaban cada día “polo pan e pola liberdade”, proclamou.

Sen deturpacións nin manipulacións

Castelao e o seu legado son claves para entender o nacionalismo de hoxe e nese sentido o BNG comprométese a que este ano que o conmemora non quede en papel mollado, desenvolvendo un programa de eventos e actos para celebrar a súa figura “sen deturpacións nin manipulacións”, indicou Pontón, tendo en conta que “Galiza precisa máis Castelao que nunca” ante urxencias como as que vive o galego, en mínimos históricos tras quince anos de políticas lingüicidas do PP; ou cando se trata de defenderse ante proxectos neo-colonialistas como ALTRI.

“E precisamos máis Castelao porque temos que seguir defendendo Galiza fronte  un centralismo voraz e letal;  porque queremos políticas sociais igualitarias, sen exclusións, porque defendemos que o dereito á vivenda se cumpra e o dereito ao traballo sexa unha realidade. Todo isto está na persoa que máis loitou por situar Galiza no lugar que merecía, sen complexos e sen pedir permiso, con esa fe no noso pobo que herdamos con orgullo e honestidade”, destacou a líder do Bloque.

Defensa dos dereitos nacionais

O BNG declárase herdeiro do ideario do rianxeiro e o mantén vivo cando defende o status de nación para Galiza ou un novo sistema de financiamento para poñer fin a unha discriminación histórica, reclamando que a chave dos nosos cartos estea aquí e non en Madrid. “En definitiva, traemos aos nosos días o seu ideario, un pensamento que se fundamenta na xustiza, na liberdade e na defensa dos nosos dereitos nacionais”, destacou Pontón, “un ideario fundamental para un BNG herdeiro dos homes e mulleres que, canda el, loitaron por unha Galiza orgullosa e libre”.

Por iso, concluíu Pontón, “setenta e cinco anos despois da súa morte podemos dicir que o BNG está hoxe onde está grazas a Castelao, en disposición de liderar o futuro de Galiza, con principios sólidos que herdamos dese referente do nacionalismo, principios como a confianza en Galiza e na súa xente e a convicción de que necesitamos ter un goberno que responda aos intereses de galegos e galegas, que mellore a súa vida e constrúa un futuro mellor”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG