O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas nas Cortes ante o anuncio realizado polo Presidente do Goberno a respecto da creación dunha Empresa Pública de Vivenda estatal. A organización nacionalista critica a política centralizadora do executivo e demanda abrir canles para a coordinación, colaboración e diálogo coas Comunidades Autónomas no relativo ás políticas de vivenda e, no caso da Galiza, transferir as vivendas da SAREB para a súa incorporación á bolsa de vivenda pública galega.
Durante a comparecencia do Goberno posterior ao Consello de Ministros e Ministras do 14 de xaneiro, a responsábel da carteira de Vivenda sinalaba que a nova Empresa Pública de Vivenda estará lista nun prazo de seis meses. Partirá da reconversión da actual Entidade Pública Empresarial de Solo e formará parte do Plan de Vivenda anunciado polo Goberno e, entre as medidas que inclúe a súa posta en marcha atópase a de traspasarlle os máis de 30.000 inmóbeis que agora son titularidade da SAREB.
“Esta medida vai na dirección contraria á estabelecida no marco competencial. Unha medida absolutamente centralizada nunha materia, a de vivenda, que é competencia exclusiva das Comunidades Autónomas” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Non ten sentido, continúa explicando Rego, duplicar ou triplicar as administracións de xestión da vivenda pública ou social, obrigando a que as persoas teñan que xestionar solicitudes ante todas elas.
Do punto de vista da xestión urbanística e de ordenación do territorio, subliña Rego, o lóxico é que sexan as administracións con base territorial as que xestionen de forma íntegra a unitaria as vivendas de réxime social ou públicas no seu territorio.
Alén do máis, a frente nacionalista critica a decisión do executivo de manter a xestión centralizada das máis de 30.000 vivendas propiedades da SAREB no canto de apostar pola súa transferencia ás Comunidades Autónomas para que, como no caso que defende o BNG para a Galiza, a Administración Galega poida incorporar estas vivendas á bolsa de vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer.
En opinión do deputado do BNG, o Goberno debe rectificar esta decisión e virar na súa folla de ruta centralizadora para “abrir canles para a coordinación, colaboración e diálogo coas CCAA das políticas de vivenda”. Néstor Rego, deputado nacionalista, alerta que, de non rectificar, alén dos problemas existentes, o Goberno do Estado estará pondo máis trabas para as persoas usuarias, especialmente no caso de persoas vulnerábeis, así como unha mala xestión dos recursos dispoñíbeis.