Parlamento Galego

BNG propón un modelo alternativo democrático para a CRTVG ao terminal de propaganda que o PP impón coa súa lei de medios

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil acusa o PP de “arrastrar polo chan” o patrimonio dos galegos e das galegas para poñelo ao servizo dos seus intereses partidistas

Un estudo ocultado polo PP ao que tivo acceso o BNG di que máis da metade da poboación cre que falta pluralismo na TVG

O BNG rexeitou o proxecto de lei para os medios públicos imposto polo PP que iniciou este martes a súa tramitación no Parlamento, porque nin é “transparente, nin plural nin participativa”.  Así o manifestou a deputada Olalla Rodil nada máis rematar a quenda do Conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, encargado de presentar o proxecto de lei do Goberno de Rueda.

Diante do modelo “TelePP”, o BNG propuxo unha alternativa ao “terminal de propaganda” que pretende poñer o patrimonio de todas as galegas e galegos ao servizo dos seus intereses partidistas”

Na súa exposición, Rodil fixo referencia a un estudo encargado e pagado pola propia Crtvg á empresa Barlovento Comunicación, que o PP pretendeu ocultar no Parlamento ata que o BNG o reclamou, que reflexa que máis da metade da poboación, o 51,4%, cre que falta pluralismo na televisión pública de Galiza.  Acusou os populares de “ocultar deliberadamente o sentir na rúa”,  e que a manipulación informativa e o control político que o PP fai da Crtvg “está a arrastrar polo chan os medios públicos deste País, e con eles a súa audiencia”.

O BNG rexeita este proxecto de lei desde o primeiro momento porque erosiona gravisimamente a calidade democrática do País:  “É un atropelo e retroceso democrático”, afirmou, porque “incrementa o control político e partidista dos medios de comunicación públicos de Galicia”, permitindo que Partido Popular poida “poñer a dedo a persoa que substitúa a Sánchez Izquierdo por outra que siga facendo de correa de transmisión dos intereses do PP no medios públicos”.

O BNG tamén rexeita este proxecto porque, por primeira vez da historia da Crtvg, o PP quere abrir as portas ao uso de linguas distintas ao galego. Nun contexto onde os datos do Instituto Galego de Estatística din que estamos en mínimos históricos, cun terzo de menores de 15 anos que non falan o idioma porque, directamente, non o saben falar, Rodil considera unha “vergoña” o trato que está tendo a lingua galega nos medios públicos: “Como se non estivésemos vendo recoñecemento e premios internacionais a producións literarias, audiovisuais e musicais feitas con todo orgullo na lingua propia de Galiza. O grao de complexo que teñen vostedes é terrible”, expresou.

O terceiro motivo do BNG para dicir non ao proxecto o PP é porque “fulmina os dereitos profesionais e de participación das traballadoras e traballadores da Crtvg”, xa que a nova lei suprime o Estatuto profesional e o Consello de informativos previstos na Lei de 2011. Rodil convidou neste punto ao PP a explicarlles por que “vetou e boicoteou durante 14 anos” que se crease ese Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, e que agora veñan “co conto dun consello asesor que está na Lei de 2011” .

Rodil lembrou o rexeitamento desde o primeiro momento a este proxecto de lei do PP por parte de entidades e organizacións sociais de moi amplo espectro e que boa parte delas se concentraron hoxe diante do Parlamento para seguir amosando a súa oposición ao “asalto” que o PP quere facer con esta lei . Tamén estivo escoitando o debate, na Tribuna da Cámara, a decana do Colexio de Xornalistas. “Esa maioría social que vostedes ocultan e silencian nos medios públicos dixo que non estaba disposta a permitir o asalto que vostedes queren levar a cabo”, subliñou.

A alternativa do BNG á TelePP

Por iso, o BNG presentou, ademais da emenda á totalidade ao proxecto de lei de medios do PP, un texto co que ofrece á sociedade galega unha alternativa a este “atropelo democrático”, cos obxectivos de devolverlle á sociedade galega os seus medios e recuperar o seu prestixio, adaptándoa aos tempos de hoxe blindando a súa misión de servizo público e blindando tamén a lingua galega como a propia da Crtvg, que constitúe parte esencial do patrimonio do pobo galego.

Rodil manifestou a necesidade de “blindar os principios fundacionais rompendo calquera mecanismo de control gobernamental ou partidista sobre ela”. Por iso o BNG introduce o concurso público como mecanismo de elección dos órganos de goberno e administración da Corporación, baseado en criterios obxectivos e profesionais por parte dun comité de persoas expertas que avalíen as candidaturas en base á presentación de proxectos “non de afinidades políticas nin a acordos de mesa camilla”, aclarou Rodil.

“Hai que rematar coa manipulación informativa que o PP está impoñendo con man de ferro na radio e televisión públicas”, engadiu. Por iso, o BNG propón a creación do Consello de Informativos como órgano interno de participación das e dos profesionais da Corporación, que se deberá constituír no máximos de seis meses desde a súa entrada en vigor. Un Consello que velará pola independencia e imparcialidade dos e das profesionais, que promoverá a independencia editorial e informativa e que permitirá a participación dos e das profesionais no nomeamento do persoal directivo no eido dos servizos informativos.  

Rodil advertiu ademais que “o investimento no sector audiovisual é cada vez máis “discrecional e escurantista”. Por iso, ademais de promover novos formatos e soportes, e a innovación audiovisual da man dunha produción de calidade e de vangarda, para o BNG é esencial a creación dunha comisión para dar transparencia e obxectividade á selección de proxectos audiovisuais, ademais dun investimento do 6% do orzamento da Crtvg para facer da Corporación o motor que debe ser do sector audiovisual galego, “non dun puñado de produtoras amigas ou de persoas concretas”, apuntou.

Por último, Rodil anunciou que “é o momento de apostar polo galego en todos os ámbitos, tamén nos medios de comunicación”. O BNG, quere blindar a ingua galega como propia da Crtvg e reforzar o papel normalizador da Crtvg e como garante de contidos, programas e servizos audiovisuais en galego para o público infantil e xuvenil.

“O PP non quere ningunha Crtvg galega nin plural, senón facela aínda máis o seu cortijo e gabinete de propaganda particular pero no BNG non llelo imos permitir nin hoxe nin nunca”, concluiu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG