Parlamento Galego

BNG denuncia as trabas do Goberno do PP á declaración de mercados tensionados de vivenda en Galiza

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández empraza a Xunta a cambiar a súa postura e apela á experiencia de Cataluña: nas zonas reguladas os prezos dos pisos en alugueiro baixaron un 0,9% mentres subiron un 6% no resto do territorio

A  deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou no Parlamento de Galiza as trabas que o Goberno de Rueda está poñendo en Galiza á declaración de mercados tensionados de vivenda á que, subliñou, poderían aspirar até cen concellos do País, segundo un informe do propio Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS).

“Non hai argumentos posibles para negar a existencia de mercados tensionados de vivenda en Galiza”, asegurou a deputada nacionalista, no transcurso dunha pregunta formulada ao secretario xeral de Vivenda, Heriberto García Porto, na que se referiu a experiencia en Cataluña para reclamar un cambio de postura da Xunta. Segundo explicou, os prezos do alugueiro caeron un 0,9 % interanual nos 140 municipios cataláns declarados zona tensionada, entre os que se inclúe Barcelona e a súa área metropolitana, mentres que nas zonas sen regular subiron un 6,1 %.

Cataluña, continuou, non só aprobou a declaración de mercados tensionados, nas que os prezos están limitados, senón que tamén desenvolveu outras medidas en materia de vivenda, como a normativa en materia de pisos de uso turístico ou para residencias baleiras. “Cataluña fixo os deberes contribuíndo a mellorar os niveis de acceso á vivenda ”, asegurou, convidando ao responsable da Xunta a cambiar as políticas neste eido.

A responsable de Vivenda do BNG acusou o PP de gobernar en Galiza “para maximizar única e exclusivamente a transferencia de capital aos rentistas”, un obxectivo para o que “non teñen límite” e que antepoñen ás dificultades que teñen os galegos e as galegas para acceder a unha vivenda. De aí, agregou, a negativa a limitar as vivendas de uso turístico ou a desenvolver vivenda alternativa con calquera alternativa que supoña un contrapeso ao mercado libre.

Durante a súa intervención, a deputada nacionalista reprobou os “bandazos” da Xunta nesta materia, pois primeiro cambiou a lei para trasladar aos concellos a responsabilidade de solicitar a declaración de mercados tensionados e despois reivindicou nun manifesto promovido por Génova que “é unha decisión potestativa e, por tanto, das comunidades autónomas non declarar nos seus territorios zonas de mercado tensionados e, por tanto, non intervir os prezos dos alugueiros”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG