Parlamento Galego

BNG considera o ditame unilateral da comisión de investigación unha mostra clara da deriva antidemocrática do PP

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés chama aos e ás deputadas do PP a respectar as institucións e a “non normalizar a corrupción que nos esnaquiza como sociedade”  

Advirte dos prexuízos dos chanchullos nas contratacións: benefician as “empresas de amiguetes” e comprometen a viabilidade de moitas pemes

O BNG considera que a aprobación unilateral do ditame da comisión de investigación sobre os chanchullos na contratación da Xunta, creada a petición dos 25 deputados e deputadas nacionalistas, acredita a “deriva democrática  do PP e a súa crecente falla de respecto institucional”. Un PP que dende o primeiro momento vetou o normal funcionamento da comisión, converténdoa “nun lamentable episodio de corrupción e degradación institucional e democrática”.

Así o asegurou o deputado Iago Tabarés, encargado de defender o voto particular do Bloque e o voto en contra do ditame elaborado e aprobado unilateralmente polo PP, partido ao que lle recriminou “o normalizado que teñen a corrupción”, tal e como se puido constatar no desenvolvemento da comisión.

Coa súa maioría absoluta, os populares impuxeron as normas de funcionamento e o plan de traballo, tratando de impedir que as galegas e os galegos coñezan a verdade sobre o sobre custo do Hospital Álvaro Cunqueiro 500 M€) e o trato de favor ás súas empresas amigas a través dos contratos menores e de emerxencia da pandemia.

Tabarés emprazou aos deputados e deputadas do PP a “non normalicen a corrupción que nos esnaquiza como sociedade” e subliñou os prexuízos que teñen para os galegos e as galegas, e para as pequenas e medianas empresas, as irregularidades nas contratacións da Xunta obxecto de investigación.

“Ademais de beneficiar ás empresas de amiguetes, fai que moitas autónomas e empresas pequenas non podan sequera competir por contratos públicos, vendo comprometida a súa viabilidade e tendo finalmente que pechar”, advertiu tras aludir tamén ao límite á mellora dos servizos públicos que supón a falta de concorrencia nos contratos a dedo.

O maior derroche da historia da autonomía

“A condescendencia coa corrupción provoca efectos nos recursos públicos e nos servizos públicos”, dixo o deputado nacionalista, que se referiu tamén os “extraordinarios prexuízos económicos” provocados pola privatización da construción e xestión do hospital de Vigo acordada polo PP, “posiblemente o maior derroche de recursos públicos da historia da autonomía”. Fronte ao modelo público que elixira o Goberno de coalición, o modelo escollido polo PP cando chegou á Xunta no 2009, resultou “máis caro e máis pequeno”, provocando tamén un retraso na súa posta en funcionamento.

No que ten que ver cos contratos menores, un sistema legal pero que debe utilizarse de maneira “excepcional e xustificadamente”, o BNG constatou un “extraordinario abuso”, principalmente no Sergas. Só entre os anos 2018 e 2023 a Xunta adxudicou 4.000 millóns de euros en máis de 1 millón de euros de este tipo de contratos sen publicidade.

“Na inmensa maioría dos casos existe a posibilidade de utilizar outras fórmulas contractuais que permitan a concorrencia entre empresas, aforren cartos públicos e impidan as arbitrariedades”, salientou neste punto Tabarés.

Infame sistema, con fraccionamentos e límites temporais irregulares

Entre outros exemplos, expuxo o caso de Eulen, o grupo que dirixe en Galiza a irmá de Núñez Feijóo e que só nos últimos cinco anos e só en contratos menores recibiu máis de 7 millóns de euros en máis de 1.500 contratos, recorrendo a fraccionamentos ou infrinxindo os límites temporais. Cada mes, Eulen recibe da Xunta dez mil euros pola limpeza de varias escolas infantís (Valadares, Muros, Arteixo, Eiris ou Monte Alto) sen licitación e sen dar a posibilidade a pemes de optar a eses contratos.

O deputado do BNG referiuse así mesmo á empresa relacionada coa familia da secretaria xeral da Presidencia, Beatriz Cuiña, que só nos últimos sete anos recibiu case 800.000 euros en contratos a dedo por servizos que se podían facer dende a Administración. Tamén nos últimos cinco anos, a empresa do alcalde de Xunqueira –“un pata negra” do PP- recibiu 900.000 euros en contratos a dedo por servizos que se repetían todos os meses (fraccionados) e que deberían saír a licitación.

De “elocuente e exponencial” cualificou, no mesmo sentido, o incremento da contratación da Xunta coa empresa Allwork Vestuario Laboral, que de 128 euros pasou a contratar por valor de 146.000 €, xusto no momento no que a secretaria xeral do PP, Paula Prado, e o seu compañeiro adquiriron o 50% do capital social da empresa.

Ningún destes contratos foron remitidos nin á comisión de investigación nin ao Parlamento, a pesar de que o BNG os reclamou conforme ao artigo 9. do Regulamento. O PP tampouco permitiu que se remitisen os contratos de emerxencia asinados durante a pandemia con Universal Support ­-na que é alto cargo o cuñado de Feijóo-, co Mape Asosores -da que foi comisionista o compañeiro de Ayuso- ou Sibuco -empresa que distribuíu máscaras con selo falso e coa que a Xunta seguiu contratando-.

Segundo a propia Xunta, expuxo o deputado do BNG, na pandemia a Administración galega contratou con 62 empresas pola vía da emerxencia, e destas só 14 non eran provedoras habituais. “Curiosamente”, entre estas últimas están as tres mencionadas que teñen relación con cargos do PP e das que non se puido investigar polos vetos do PP. Mape Asosores foi, ademais, a empresa coa que máis se contratou no 2020 e Universal Support, no 2021.

“Para non ter experiencia e non ter unha solvencia acreditada, semella que a confianza era moita”, ironizou do deputado ourensán, que durante a súa intervención tachou de “infame” o sistema de contratación e de xestión de recursos públicos do PP de Feijóo e Rueda. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG