A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, avanzou logo da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento o voto en contra do BNG ao teito de gasto presentado polo Goberno do PP que, en realidade, recolle un “incremento raquítico” respecto do orzamento, da capacidade de gasto, do exercicio anterior, con tan só apenas 344 millóns máis que en 2024.
Rodil quixo así “rebaixar os fogos de artificio dun Partido Popular que anuncia grandísimas cifras” como se estivésemos diante dunha capacidade de gasto, dun orzamento brutal cando non é así.
“Non aumenta practicamente nada, máis ben o que parece que nos anticipan as cifras do teito de gasto que presente o Partido Popular é unha conxelación dos orzamentos se o comparamos co incremento dese teito de gasto do pasado ano”, argumentou, para recalcar a continuación que “é a metade o que se vai incrementar en 2025”, nun orzamento no que aínda conta con importantes achegas dos fondos europeos Next Generation.
De igual xeito, a viceportavoz do BNG tamén criticou o procedemento “atrapallado e aceleradísimo” levado a cabo polo PP para debater e aprobar o teito de gasto na Cámara galega cunhas présas que “empezan a ser costume por parte dun Partido Popular de poñer a axenda do Parlamento ao servizo dos seus intereses na Xunta”, denunciou.
Rodil afirmou que “non debera haber tanta présa e as cousas poderíanse facer cun pouco máis de calma”, sobre todo para ter “o tempo que merece e necesita a análise da documentación”, engadiu.
“Non imos apoiar nin pola forma nin polo fondo este teito de gasto cunha limitación que se autoimpón xa o propio Goberno do PP, cun incremento raquítico que apenas se nota no orzamento para 2025 e que vai en detrimento de servizos públicos esenciais”, explicou a viceportavoz, quen apelou á necesidade de dotar estes servizos dunha “inxección forte de recursos públicos”.
“Por exemplo, na sanidade e na Atención Primaria, que están contra as cordas como padecemos todos e todas ao longo do País, logo de 15 anos de recortes do PP”, exemplificou.
A preguntas dos medios polo acordo de ERC e PSC en Cataluña e o anuncio do presidente da Xunta dun recurso para exixir a convocatoria da Conferencia de Presidentes, a viceportavoz nacionalista manifestou en primeiro termo que co anuncio dese recurso vese a un PP “poñendo os recursos económicos e xurídicos de todos os galegos e todas as galegas ao servizo da estratexia e dos intereses partidistas do Partido Popular”, na vez de facer o que lle corresponde ao Goberno galego que é “defender os intereses do conxunto do País”.
Coa prudencia que exixe o descoñecemento dos termos exactos do acordo entre ERC e PSC, Rodil si indicou que o que resulta “evidente” é que “outros avanzan, mentres Galiza queda atrás pola estratexia do Partido Popular de poñer a Xunta e o Goberno deste País ao servizo dos intereses do PP en Madrid”.
Neste sentido, advertiu que hai unha comisión parlamentaria “bloqueada polo Partido Popular” que debería estar traballando “a pleno rendemento” para ter unha “posición forte de País” que defender diante da reforma do sistema de financiamento e recordou que co actual sistema, asinado polo PP en 2009, os galegos e as galegas perderon 14.000 millóns de euros, unha cifra que considerou esencial para soster os servizos públicos galegos.
“O que tiñamos é que ter un Goberno que fose a Madrid a defender os intereses de Galiza, a defender que este País necesita ter mellor financiamento, sobre todo, ter capacidade sobre os seus propios cartos, capacidade para xestionar unha parte importante dos impostos que pagan os galegos e galegas”, afondou.
Por iso, reclamou ao PP que “deixe de usar e instrumentalizar a Xunta para os seus intereses” e se poña “a defender ao conxunto da sociedade galega que non pode ver como os demais avanzan”, mentres Galiza queda parada. Iso significa que o único que vai facer este País é retroceder e non estamos nun momento no que nos poidamos permitir iso”, concluíu.