BNG reclama ao Ministerio de Sanidade valentía no novo Estatuto Marco

Encontro sanidade - BNG
Encontro sanidade - BNG

A organización nacionalista avanza o rexistro de iniciativas reclamando ao Ministerio incorporar as demandas da representación sindical tanto no Congreso como no Parlamento da Galiza.

O BNG mantivo unha reunión cunha delegación da CIG-Saúde para abordar o estado da negociación do texto normativo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e as deputadas no Parlamento da Galiza, Montse Prado e Iría Carreira, reuníronse cunha delegación da CIG-Saúde para abordar o estado das negociacións entre o ministerio e as organizacións sindicais en relación ao Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde. O BNG manifestou o seu apoio ás reclamacións sindicais relacionadas, principalmente, coa clasificación profesional e funcións, xornada laboral ou xubilación, e anuncia que van rexistrar iniciativas dirixidas ao Ministerio para exixir que incorpore no novo texto estas cuestións, o que permitiría lograr un Estatuto Marco que permita avanzar nunha sanidade pública de calidade.

Durante a xuntanza que decorrida hoxe a CIG-Saúde da man das representantes da súa executiva, Ana Lestón, Lucía Peón e Irene Tato, encabezados polo Secretario Nacional Manuel González Moreira, puxeron de manifesto a necesidade de aprobar un novo Estatuto Marco que permita avanzar en dereitos e nunha prestación de servizos de calidade dentro da sanidade pública. Neste sentido, lembraron que levan anos reclamando ao Ministerio a actualización do Estatuto, cuestión á que se comprometeu o Ministerio durante a tramitación do proceso de estabilización.

Porén, tanto a CIG-Saúde como o BNG coinciden na necesidade de que a nova lei debe recoller todos os aspectos fundamentais básicos para garantir condicións laborais dignas as traballadoras e traballadores da sanidade pública. “É fundamental que o Ministerio incorpore no novo texto a regulación básica para garantir a xubilación anticipada e parcial do persoal sanitario público, así como que entre a regular na propia lei, sen deixalo a unha regulación posterior, a clasificación profesional e funcións das distintas especialidades e perfís, que deben ir acompañados da previsión salarial correspondente” declara Néstor Rego.

Así mesmo, o deputado nacionalista destaca que “só estabelecendo a posibilidade da xubilación anticipada e sen penalización para o persoal sanitario, xunto coa xubilación parcial, se garantirá avanzar na estabilización e incorporación de persoal novo, unha remuda imprescindíbel para o mantemento da sanidade pública e aproveitar o potencial de moitas persoas que, despois de lograr unha titulación deben marchar fóra”.

Pola súa parte, a deputada Montse Prado fixo fincapé na urxencia de regular na propia lei con carácter básico as funcións e clasificacións, “non pode tolerarse que despois de aprobar un novo Estatuto deixen en vigor a relación de funcións obsoletas, algunhas delas da época do franquismo, que non se axustan a realidade e necesidades actuais da sanidade pública”.

Por último, Iria Carreira, lembrou que tamén é preciso incorporar de forma clara e decidida a dedicación exclusiva do persoal sanitario estrutural, como un compromiso de defensa do sistema público. Así mesmo, advirte que o BNG estará vixiante sobre a cuestión competencial, pois considera que, en algúns aspectos, o texto proposto vai máis ala dunha norma básica e regula cuestións que corresponden ao sistema sanitario galego. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG