O viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará emprazou o Goberno do PP a apoiar a declaración da Illa de San Simón como lugar de memoria democrática, para dar a coñecer a súa historia como campo de concentración franquista no que miles de presos sufriron entre os anos 1936 e 1943 condiciones infrahumanas e houbo centos de vítimas mortais a causa de enfermidades, fusilamentos e asasinatos extraxudiciais.
Nunha pregunta formulada ao conselleiro de Cultura, Bará reclamou ademais aos populares que “deixen de mentir, de negar a realidade e de branquear o franquismo”, criticando así as declaracións do deputado do PP Ferro Iglesias e mesmo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuestionando os crimes cometidos polo réxime fascista na illa. “Deixen de mentir, de negar a realidade e deixen de branquear o franquismo”, reclamou Bará mirando para as bancadas do PP, ás que demandou tamén respecto ás vítimas e ás súas familias.
“Vostedes teñen un problema de desmemoria e de falta de respecto ás vítimas e ás súas familias, ás que ofenden e aldraxan coas súas declaracións e, sobre todo, coas súas actuacións”, asegurou Bará, que neste punto acusou ao Goberno de Feijóo, primeiro, e de Rueda, agora, de “exterminar as políticas da memoria” postas en marcha polo BNG e de converter San Simón “nun parque de atraccións xestionado por empresas privadas, sobre todo navieiras, onde se fai de todo menos memoria histórica”.
O deputado nacionalista reprobou así o Executivo en mans do PP que non participe nin tan sequera na homenaxe nacional ás vítimas do franquismo que se celebra cada ano nin organicen na illa actividades relacionadas coa memoria e sobre a dolorosa historia recente como campo de concentración do réxime franquista.
Criticou, pola contra, que na illa teñan lugar actividades de lecer, como a celebración dun samaín que para atraer visitantes vendía unha “noite de terror” en San Simón. “Como puideron autorizar esa actividade, que é un escándalo?”, preguntoulle ao conselleiro.
Bará comezou a súa intervención no Pleno do Parlamento lendo parte da misiva que José Mejuto, un dos asasinados na Illa, escribiu á súa familia: “Cando sexades maiores e fagades unha visita a esta illa, non como o fixen eu á forza e coas mans atadas, senón en plena liberdade, recordade que alí estivo o voso pai, que cada recanto desta illa é un recordo meu”.
Palabras que o deputado do Bloque utilizou para estender o mandato de José Mejuto a toda a sociedade galega e ao seu goberno, porque “cada recuncho da illa é un recordo seu e dos miles de presos que estiveron alí sufrindo condicións infrahumanas de tortura e morte”.
O deputado nacionalista leu tamén parte da carta que o alcalde de Bueu Xoán Carballeira escribiu a súa moza, Lola, minutos antes de ser fusilado por rebelión: “Lolita Lolucha, conserva esta foto onde escribo cando falta hora e cuarto para morrer... Morremos ás sete, cando ti espertes e penses en min, seguramente.”