Parlamento Galego

BNG reclama que Castelao sexa declarado 1º presidente deste País tras liderar o Consello de Galiza no exilio

Pontón: “Trátase de rescatar a nosa memoria histórica, facer xustiza con Castelao e con toda a xeración que pagou tan caro o amor por este País”

Compara a figura do nacionalista con Gandhi ou Mandela que pola súa loita contra ó fascismo converteuse nun símbolo nacional

Castelao é de todos e todas menos dos fascistas, de todos e todas menos dos que atacan o que máis amou: Galiza, a súa xente e a súa lingua, alega

Denuncia os que hoxe pretenden minimizar a súa traxectoria política están copiando a mesma manipulación que practicou o franquismo

O BNG reclamou no Parlamento galego que Castelao sexa declarado de xeito oficial e legal primeiro presidente de Galiza. A portavoz nacional, Ana Pontón, foi a encargada de defender este recoñecemento que pretende saldar unha débeda histórica cunha persoa que dedicou a súa vida a defender Galiza e a loitar polos dereitos nacionais deste País.

“Trátase de rescatar a nosa memoria histórica, facer xustiza con Castelao e con toda a xeración que pagou tan caro o amor por este País. Trátase de recoñecer que o primeiro presidente deste País, por dereito propio, foi Castelao desde o exilio, á fronte do Consello de Galiza”, proclamou.

Un consello, lembrou,  constituído en 1944 en Montevideo cuxa forma xurídica é a de un órgano fideicomisario da vontade popular expresada nas urnas o 28 de xuño de 1936, referendada por máis de un millón de galegos e galegas dos cales, o 99,2% lle deu un apoio masivo ao Estatuto. “Unha vontade que quedou truncada polo golpe militar e posterior ditadura franquista”, lamentou, truncando así as aspiracións de autogoberno de Galiza.

“Estamos ante un órgano representativo para velar polos intereses políticos deste País, e que situaba a Galiza á par de Cataluña e Euskadi na futura evolución que defendían para o Estado español. Un goberno galego no exilio, un instrumento homologable ao Goberno vasco e ao Consello catalán, tal e como recoñecen reputados historiadores como Xusto Beramendi ou Ramón Villares”, subliñou.

Ana Pontón equiparou a figura de Castelao con outros líderes internacionais como Ghandi ou Mandela, que “pola súa traxectoria de integridade, xenerosidade e compromiso acabaron por converterse en símbolos nacionais”, salientou. Na mesma época de Castelao, exemplificou con De Gaulle, líder da resistencia contra o nazismo desde o exilio en Londres,  a súa aclamación na súa volta a París e proclamación como presidente do goberno provisional, sen pasar polas urnas.

“Castelao morreu sen ver cumpridas as súas aspiracións políticas pero o seu pasamento demostrou até que punto era recoñecido como presidente do Goberno galego no exilio. O seu enterro foi unha manifestación multitudinaria de agarimo, de recoñecemento e de gratitude a quen foi sen dúbida a personalidade política máis importante da historia contemporánea de Galiza”, proclamou.

Castelao, nacionalista

A portavoz nacional do BNG salientou o seu inconmensurable legado político e sinalou que “a súa figura aínda incomoda, por iso intentan ocultar que Castelao foi un nacionalista da súa época”. Neste punto lembrou a manipulación por parte do franquismo intentando reducir a súa figura á súa faceta artística. “Castelao foi un artista xenial pero iso no pode utilizarse para minimizar a súa traxectoria e obra política”, recalcou.

“Os que a día de hoxe queren perpetuar esa mentira copian o mesmo reducionismo e a mesma manipulación practicada polo franquismo. Pretenden convertelo nunha figura desprovista de ideoloxía e de compromiso político, mesmo utilizalo como ariete en contra dos ideais que defendeu” o que Pontón cualificou de “fraude histórica e unha negación do inmenso legado político en defensa de Galiza”.

Advertiu que o BNG “non vai permitir semellante fraude porque sería unha falta de respecto e unha aldraxe a Castelao e a todas as persoas que, coma el, pagaron un prezo altísimo mesmo coas súas vidas por defender unha Galiza libre e dona do seu futuro".

“Castelao é de todos e todas as que levan Galiza na cabeza e no corazón, Castelao é de todos e todas menos dos fascistas e dos seus herdeiros. Castelao é de todos e todas menos dos que atacan o que el máis amou, Galiza, a súa lingua e a súa xente. Castelao é de todos e todas menos dos que deturpan as súas ideas e o seu legado político”, afirmou.

A portavoz nacional recolleu as palabras de Castelao no Sempre en Galiza “Estamos fartos de ser unha colonia e por moitas vantaxes que nos ofrecese unha nova colonización, queremos ditar leis para gobernarnos por elas sen inxerencias alleas. A liberdade é a única reserva coa que contan os pobos para crearen os seu futuro”.

Na súa réplica, recordou que o político e nacionalista galego asinou na asemblea das Irmandades da Fala celebrada en Lugo d 1918 onde di o que é con claridade: “Tendo Galiza todas as características esenciais de nacionalidade, nós nomeámonos de hoxe para sempre nacionalistas galegos”.

Pontón pediu o apoio ao recoñecemento oficial e legal de Castelao como primeiro presidente de Galiza no exilio, que non foi apoiada polo PP. Unha negativa que motivou a crítica da portavoz nacional recordando o pasado dos populares: “Hai unha diferencia entre o PP e o BNG, e non querer recoñecer o Consello de Galiza como esa vontade que permitiu vivir no exilio e que o fascismo impediu que eclosionase nese momento é, no fondo, non querer recoñecer a realidade. Porque cando falamos de restaurar a nosa memoria histórica tamén falamos de lexitimar as accións que se fixeron hoxe para que esteamos nós aquí e lexitimar as persoas que deron a súa vida ou que desde o exilio traballaron pola liberdade e por Galiza”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG