Parlamento Europeo

Ana Miranda defende na Comisión de Pesca da Eurocámara que a pesca artesanal sexa excluída de TAC’s e cotas

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG critica que moitas das decisións tomadas en Bruxelas están “alonxadas da realidade”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que a pesca artesanal sexa excluída das negociacións de TAC’s e cotas anuais, tal e como vén demandando o sector desde hai anos e o propio BNG. “Trasladei que é importante ter en conta o impacto social que teñen moitas medidas tomadas desde Bruxelas, que están tomadas alonxadas da realidade”, explica a eurodeputada galega.

“Cando chega o mes de decembro, a frota de pesca en Europa e sobre todo en algúns territorios que son altamente dependentes da pesca como é o caso de Galiza, empeza a tremer”, sinalou Ana Miranda na súa intervención na Comisión de Pesca, na que puxo de releve a grave situación que atravesa a pesca galega debido a inestabilidade e inseguridade xurídica, xa que “depende dos informes e de cando se publiquen, a frota atense a unha estabilidade no sector ou non”.

Ademais, a eurodeputada do BNG sinalou que a estabilidade da frota tamén depende das negociacións “noutros asuntos, porque ao final a pesca non é prioritaria para a Comisión Europea”, xa que se toman decisións desde despachos sen ter en conta a realidade do propio sector. Neste sentido apuntou como exemplo da situación do sector pesqueiro galego que no pasado ano nas lonxas galegas houbo 24 millóns de toneladas de peixe menos e 30 millóns menos de facturación.

Reivindicacións do sector

“A Comisión Europea non pode vivir de costas, allea, a decisións que deben ser tomadas en Galiza e non en Bruxelas”, sinala Ana Miranda, quen na súa intervención lembrou que xa lle trasladou ao novo Comisario de Pesca, Costas Kadis, as principais reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro galego, entre as que destaca o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca, xa que é unha cuestión relevante no reparto dos fondos.

Por outro lado fixo fincapé en que o Comisario de Pesca visite Galiza para coñecer de primeira man as demandas e reivindicacións do sector, visita que segundo confirmou o propio Kadis no encontro mantido con Miranda a semana pasada, terá lugar no vindeiro mes de abril.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG