Parlamento Galego

BNG critica a covardía da conselleira de Política Social diante das familias de Ourense que defenden a xestión pública do CAPD

Ana Pontón e Noa Presas CAPD
Ana Pontón e Noa Presas CAPD

Noa Presas acusa o PP de incumprir de novo a súa palabra votando contra a iniciativa do Bloque para revogar a privatización do centro para persoas con discapacidade

A deputada do BNG Noa Presas levou de novo ao Pleno do Parlamento as reivindicacións das familias de usuarios do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, que levan anos loitando para que este centro sexa realidade e cen por cen público, como outros que existen no País. A través dunha proposición non de lei, Presas reclamou á conselleira de Política Social, Fabiola García, que rectifique e cumpra a palabra dos populares revocando o proceso de privatización da xestión do CAPD, tal e como piden as familias.

Porén, o PP volveu incumprir a súa palabra ao votar en contra da iniciativa nacionalista, na que ademais dunha rectificación do acordo do Consello da Xunta en pleno Nadal para privatizar a xestión do centro, reclamaba o Goberno do PP as actuacións necesarias para garantir que o modelo de xestión será integramente público e directo, sen recorrer a “subterfuxios” que impliquen a súa privatización ou concertación. Presas demandou igualmente da Xunta as modificacións orzamentarias precisas neste ano para garantir a xestión pública directa a través da contratación do persoal público.  

Aproveitando que unha representación das familias seguiu o debate dende a tribuna de convidados do hemiciclo, a deputada nacionalista criticou a “covardía” de Fabiola García que, levando no cargo de conselleira “6 anos, 4 meses e 3 días”, aínda non tivo tempo de recibilas para escoitar as súas demandas, que fan “sen tutelas, desde a conciencia cívica e desde o coñecemento”, subliñou.

Censurou ademais a “indecencia” que supón que o Consello da Xunta do PP esperase ao Nadal para aprobar a privatización, “a ver se pasaba desapercibida”. A licitación, subliñou, fíxose este venres optando por un contrato reservado “a ver se as familias tragaban”. “Pero non tragan”, advertiu, lembrando que as familias levan “máis dunha década de traballo incansable” loitando polo centro e pola xestión pública e directa do mesmo, con manifestacións históricas na cidade de Ourense, onde chegaron a recoller máis de 50.000 sinaturas de apoio.

A deputada nacionalista subliñou o compromiso asinado xa no 2016, xusto antes das eleccións, por todas as forzas políticas con representación na Cámara, incluída o PP, no que se apuntaba como terceiro punto que “o centro de atención a persoas con diversidade funcional será público e de xestión pública, atendido por empregados públicos”.  Segundo Presas, co voto en contra do PP á iniciativa do BNG queda en evidencia de novo o que vale a palabra dos populares e que o seu compromiso foi pura estratexia electoralista.

Abstención de Democracia Ourensana

Ao longo do debate, no que renunciou a intervir Democracia Ourensana, que logo se abstivo na votación, Presas subliñou que pedir un CAPD público non é algo arbitrario, senón algo xusto para Ourense que axudaría a corrixir “minimamente” o desequilibrio territorial nos servizos públicos, lembrando neste punto a xestión pública do centro de Chapela, en Pontevedra, As Xubias na Coruña ou Sarria en Lugo.  

Salientou, así mesmo, a “contrastada calidade”  do público, aludindo neste punto ao informe do Consello de Contas sobre as residencias de maiores, á “terrible experiencia” da pandemia, á “degradación absoluta” do centro de menores de Montealegre cando foi privatizado ou actuación da Xunta na residencia do Carballiño, privatizada no 2015 e na que tivo que intervir por falta de persoal e denuncias.

“Hai moitas nais da plataforma que despois de ter o seu fillo na privada optaron por levalo a Sarria pola calidade da atención pese á distancia, que é durísima.  Unha hora e dez minutos de coche no mellor dos casos!”, argumentou tamén da deputada ourensá.

Pesas criticou ademais as “evasivas” da Xunta do PP, que reiteradamente incumpriu tamén os prazos para a construción do CAPD e agora xustifica a súa privatización con “desculpas ridículas” como a falta de persoal. “A quen pretenden tomarlle o pelo?”, preguntouse despois de apuntar que nestes momentos a lista de interinos da Xunta na provincia de Ourense ten 169 persoas na especialidade de Psicoloxía ou 244 traballadores sociais “que poden chamar hoxe para traballar mañá”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG