Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta revogar a consideración de Proxecto Industrial Estratéxico para a planta de biometano de Coeses

Ana Pontón e Montse Valcarcel
Ana Pontón e Montse Valcarcel

A deputada de Lugo Montse Valcárcel advirte da ameaza que supón para a veciñanza a súa localización a menos de 500 metros das vivendas

O BNG reclamou no Pleno do Parlamento que a Xunta do PP rectifique e revoque a consideración de Proxecto Industrial Estratéxico para a planta de biometano planificada na parroquia luguesa de Coeses e que lle afecta a toda a cidade.

A deputada Montse Valcárcel deulle voz este mércores na Cámara galega á veciñanza que se concentrou ás portas do Parlamento e a toda a xente das parroquias de Cuíña, Soñar, Piugos, Santa Compa, Nadela e Conturiz que se sente ameazada pola proximidade ás vivendas desta construción, proxectada a menos de 500 metros das casas. Lembrou que a UE sitúa a distancia mínima a 1,5 km, e os expertos van máis aló e recomendan a súa colocación a máis de 3 km.

Para levar a termo este proxecto é imprescindible a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que a Xunta lle outorgou á empresa Bioenerxía Lugo xustificando razóns de interese público e porque lles permite a localización nun terreo forestal e redúcelles á metade os trámites autonómicos. E todo isto, advertiu, “por tan só 5 postos de traballo!”, cando a DIA require un mínimo de 25.

A deputada nacionalista advertiu que a planta quere procesar 53.000 toneladas ao ano dunha mestura de residuos orgánicos de matadoiros, industrias de carne, peixe e leite, que, segundo recoñece a propia empresa nos seus informes, emitirá olores durante as 24 horas todos os días do ano e cun vertido de 100 m3 ao día de augas residuais ao regato de Vilalbite e ao río Miño.

Manifestantes COESES
Manifestantes COESES

Valcárcel afondou nas repercusión que tería unha planta deste tamaño, ao requirir unha achega constante e moi elevada de residuos para o seu procesamento, e algúns como os de peixe, “moi próximos non van ser”, ironizou, aclarando que, ao vir de lonxe, provocaría un tránsito continuo de camións preto da planta e, polo tanto, das vivendas.  Ademais, con este tamaño de planta, o volume de residuos almacenado é grande, “tamén maiores riscos en caso de escape de emisións ou incendio”, subliñou.

Na súa pregunta en Pleno á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, e antes de que o PP tivese a oportunidade de dicir que o BNG son “os do non”, como finalmente fixo,  Valcárcel recoñeceu que “hai instalacións de biogás que son razoábeis”, referíndose a aquelas co tamaño idóneo para procesar os residuos de pequenas explotacións agrícolas e gandeiras próximas e que producen biogás para esas mesmas instalacións agrogandeiras”,  contrapoñendo a continuación que “non é o caso desta, nin en tamaño nin sobre todo na mala situación”.

Argumentou ademais que, “por desgraza, Lugo ten un problema de despoboamento, co que “elixir outro sitio en solo industrial non parece moi complexo” e por iso pide que a Xunta rectifique na súa decisión.

“Pedimos que rectifiquen e reconsideren que esta planta sexa Iniciativa Empresarial Prioritaria porque o Goberno da Xunta foi o responsable de outorgarlle, xa no 2021, esta alfombra vermella cando a súa situación é mala”, instou, lembrándolle ao PP que a veciñanza de Lugo, que levan mobilizándose tantos meses, manifestando a súa oposición á planta, temen polo futuro dos seus fillos porque ven perigar o valor das súas casas e da súa saúde. “Vai a Xunta indemnizar ás familias cuxas casas perdan o seu valor?” concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG