Parlamento Galego

BNG arrinca por segunda vez ao PP o compromiso de adoptar medidas ante a escaseza de polbo nas augas galegas

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez advirte que non é o primeiro anuncio que fai o PP de dar solución ao problema e pide medidas reais no plan de explotación

Reclama á Consellería do Mar “responsabilidade” e permitir ampliar a veda e as partidas orzamentarias que compensen os paros biolóxicos ao sector”

A responsable da Área de Mar do BNG, Rosana Pérez volveu arrincar este martes no Parlamento, e por segunda vez, o compromiso do PP para adoptar as medidas necesarias destinadas a solucionar a escaseza de polbo nas augas galegas. Non obstante, advertiu que non é o primeiro anuncio que fai o PP de dar solución ao problema e por iso pediu medidas reais no plan de explotación como a de ampliar a veda e pagar os paros biolóxicos ao sector.

“Aquí do que se trata é de que nalgún momento da súa historia a Consellería teña algo de responsabilidade e permita que as vedas sexan máis amplas, porque o que está a pasar nos últimos anos é que empeza e remata a veda co polbo ovado, o que -aclarou-  resulta un problema para a campaña que está en curso e tamén para a seguinte, porque estamos a falar dun ciclo de dous anos”.

Pérez reclamou partidas orzamentarias que permitan levar a cabo estas medidas e evitar así tanto a perda de postos de traballo como o incremento da presión noutras pesquerías..  “Hai que remunerar os paros biolóxicos de maneira que o propio sector poida falar con claridade de ampliar as vedas”, reclamou.

Na iniciativa que defendeu a deputada nacionalista na Comisión 8ª tamén se pedía, cara a nova campaña 2025-2026 que empezará en xullo, que se rematen os estudos que o BNG leva pedindo nos últimos anos e que se acordaron por unanimidade o 5 de setembro e 2023, pero “que nunca fixeron”, recordou. O Bloque demandaba ademais o establecemento das medidas necesarias que permitan unha explotación máis sostible e unha recuperación da especie.

Na súa exposición, Pérez recordou que os datos de capturas de polbo no ano 2024 falan dunha baixada de case unha tonelada con respecto a 2023 e de case seis millóns de euros menos de facturación. “Son datos arrepiantes, volvendo practicamente ao nivel de capturas daquel nefastísimo 2020 que foi considerado o peor do século”, no que non se chegou ao 10% das capturas dos anos anteriores e na que, das máis de dúas toneladas capturadas no 20219, apenas chegaron a unha tonelada en 2020.

En outubro de 2020, o BNG rexistrou iniciativas no Parlamento trasladando a enorme preocupación de moitos mariñeiros e mariñeiras galegas despois desta “nefasta” campaña e a Consellaría respondeu, seis meses despois, asegurando estar traballando no tema. En 2021 aumentouse o período de veda ata as nove semanas para protexer a reprodución da especie, e en 2022 e 2023, ata as seis semanas. Diante dunha nova baixada das capturas en 2023, o BNG volveu presentar iniciativas que se aprobaron por unanimidade no que se acordou entre outras medidas, a elaboración dos estudos necesarios para determinar as causas da escaseza de polbo nas augas galegas.

Rosana Pérez lamentou que, “despois de moitas promesas e ningunha acción, que é o mesmo que están a facer noutros caos como o marisqueo, seguen a alongar unha agonía á que se lle podería ter posto remedio hai anos”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG