A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que a mobilización do BNG desde a base nos concellos “é clave e no reto de lograr o escano galego en Europa”, polo que pediu a todos os cargos municipais a súa implicación e que se “activen ao máximo” para explicarlle á cidadanía a importancia de ter unha “voz propia” no Parlamento Europeo, subliñou nun encontro con alcaldes, alcaldesas, concelleiros, concelleiras e cargos institucionais no que tamén participou a cabeza de lista, Ana Miranda.
Convencida de que toda a militancia e responsables políticos do BNG volverá demostrar o compromiso de sempre nesta nova cita coas urnas, Pontón destacou que “aA mobilización en cada vila, en cada cidade, é fundamental para lograr o escano galego”, sinalou para pedir a continuación “esa máxima implicación, activarnos ao máximo tamén dende os concellos para explicarlle aos nosos veciños e veciñas o moito que se xoga Galiza nestas eleccións europeas” e a “importancia de estar en Bruxelas para defender os intereses deste País da man do BNG”.
Pontón apuntou que é en Europa onde se aborda a defensa do sector pesqueiro “como ben saben en Ribeira, Cangas ou Moaña”, o futuro do sector agrogandeiro “como tamén saben en Mazaricos ou na Limia” ou onde se decide sobre o sector vitivinícola, como saben igualmente “en todo o Baixo Miño, no Ribeiro ou na Ribeira Sacra”, alegou.
“Galiza existiu en Bruxelas todos estes anos grazas ao BNG da man de Ana Miranda”, sinalou precisamente a portavoz nacional para explicar que, por iso, o Bloque pode presentarse ás eleccións europeas do próximo 9 de xuño co “aval e o orgullo do traballo ben feito”. “Co orgullo de ter defendido os intereses de Galiza, antes, agora e sempre”, recalcou.
Neste sentido, exemplificou o traballo nacionalista ante as institucións europeas convertida na “voz crítica na catástrofe do Prestige”, dando tamén voz ás vítimas do accidente do Alvia e “plantándolle cara a unhas forzas estatais que querían tapar a súa responsabilidade con mentiras”, ou dando a cara pola pesca artesanal salvando a frota de xeito porque “a xente do mar non quere axudas para desguazar barcos, o que quere é ganarse a vida dignamente co seu traballo”, subliñou.
Foi tamén o BNG da man de Ana Miranda quen, segundo recordou, pelexou por incluír o Porto de Vigo na rede europea de transportes, por impulsar a alta velocidade con Portugal e o corredor atlántico de mercadorías, por rexenerar as rías, a comezar pola do Burgo que “aí está libre de lodos”, ou por frear a mina de Corcoesto.
Fronte a unhas forzas estatais para que as Galiza “sempre é a última carta da baralla”, e concretamente fronte a un PP que “mesmo votou en contra dos interese deste País”, Pontón destacou a importancia de seguir contando cunha voz propia en Europa, a do BNG, que “só se debe aos galegos e ás galegas, que non reciba ordes nin desde Madrid, nin desde Bruxelas”, pero tampouco “desde ningún consello de administración”.
Nesta liña, amosou o seu convencemento de que despois do resultado histórico nas pasadas eleccións galegas do 18 de febreiro, “imos conseguir darlle a Galiza un escano galego con máis forza, un escano de País da man do BNG”, non só para defender os intereses dos galegos e das galegas, senón tamén para traballar “por esa outra Europa posible”, a Europa dos pobos, a dos dereitos sociais.
Unha Europa que, segundo destacou, tamén traballe pola paz e “deixe de ser un satélite da OTAN e dos Estados Unidos”, unha Europa social e a favor da maioría social, da clase traballadora ou das mulleres, capaz de darlle futuro á xente moza, e que sexa solidaria e de portas abertas, “non esta Europa-fortaleza que pecha as fronteiras e deixa morrer a miles de persoas nas súas costas”.
O PP repetirá a mesma campaña sucia que fixo nas eleccións galegas
Por todo isto, a líder nacionalista apelou a afrontar a campaña europea coa mesma “ilusión, ganas e intensidade” de sempre para explicarlle á cidadanía as propostas do Bloque para defender os seus intereses en Bruxelas, nun contexto no que, segundo advertiu, “o PP vai repetir a mesma campaña sucia que fixo nas eleccións galegas”, utilizando tamén a TVG, “a televisión que pagamos todos e todas”, como un “medio ao seu servizo de intoxicación á sociedade”.
“Estamos ante un Partido Popular que ten na mentira, os bulos e a intoxicación a única maneira na que sabe facer política”, recalcou para poñer como último exemplo a campaña que está a desenvolver sobre a AP-9.
“Resulta que, agora, o mesmo PP que prorrogou ilegalmente a concesión ata o ano 2045, di que a culpa das peaxes é do BNG; o mesmo PP que vetou, xa non a transferencia, senón o debate da transferencia da man de Ana Pastor e Mariano Rajoy, di que a culpa de que non haxa transferencia é do BNG”, manifestou para recriminar a “cara de cemento armado” dun Partido Popular “en estado puro: bulos, mentiras e intoxicación”.
Fronte a esta campaña sucia dun PP “empeñado en enlamar o debate e instalado no insulto e na mentira”, Pontón asegurou que o Bloque “non vai caer na trampa” porque entende a política doutra maneira, non “para ocupar o poder polo poder”, senón como unha “ferramenta transformadora ao servizo da sociedade, para mellorar a vida das persoas e para darlle un futuro mellor a este País”.
Por iso, reafirmou o compromiso nacionalista de desenvolver unha campaña centrada nos problemas dos galegos e das galegas, falando de pesca, do prezo do leite, de como ter un rural vivo, da rexeneración das rías, do cambio climático ou de darlle futuro á mocidade, exemplificou.
“Fronte a un Partido Popular sen alternativas, no BNG falaremos das nosas propostas con orgullo para defender os intereses de Galiza”, afondou, para comprometer unha campaña 100% galega, de ideas, en positivo e centrada neste País e na súa xente, “porque esta é a campaña que merecen os galegos e as galegas”, concluíu.