Parlamento Europeo

Ana Miranda demanda a Costas Kadis que Galiza sexa recoñecida como altamente dependente da pesca

Costa Kadis e Ana Miranda
Costa Kadis e Ana Miranda
A eurodeputada do BNG reuniuse co Comisario de Pesca para trasladarlle as reivindicacións do sector galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo hoxe un encontro co novo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, a quen lle trasladou as principais reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro galego, entre as que destacan o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca.

Segundo explicou a eurodeputada galega, trátase “dunha demanda moi antiga que leva facendo o sector e que tamén levamos facendo desde o BNG e que debe ser de interese primordial neste momento”. Nesta primeira reunión co Comisario despois de que Kadis asumise a carteira de Pesca, Miranda fixo fincapé nesta reclamación xa que o recoñecemento como altamente dependente da pesca ten unha repercusión directa no reparto de fondos europeos.

No encontro, Miranda tamén lle trasladou a Kadis outras problemáticas do sector pesqueiro galego, como o preocupante descenso de traballadores do sector do mar, así como o impacto que ten a contaminación na calidade das augas das rías e as negativas consecuencias que terá a instalación de Altri, o aumento do prezo do gasóleo e a situación concreta das mulleres do mar, entre as que destacou o papel das redeiras.

Encontros co sector

A eurodeputada do Bloque e o Comisario de Pesca tamén falaron dun futuro encontro co sector pesqueiro e marisqueiro tanto en Bruxelas como en Galiza, que previsiblemente terán lugar no vindeiro mes de abril. Neste sentido, Ana Miranda destacou que é fundamental que Kadis manteña reunións directas cos sectores pesqueiros e marisqueiros afectados de forma que lle poidan trasladar as súas demandas “directamente”, desde representantes das confrarías como representantes de plataformas como a de Defensa da Ría de Arousa e equipos de investigadores da pesca.

É preciso ter presente que, pese a situación de crise, o sector pesqueiro galego- incluíndo pesca, marisqueo, miticultura, piscicultura e conserva- representa o 4,8% do PIB galego, cunha facturación de arredor de 12.000 millóns de euros e máis 64.000 postos de traballo directos. Estes datos supoñen máis do 50% do emprego marítimo-pesqueiro do Estado español e arredor do 10% da Unión Europea.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG