O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participa no Foro Cívico en A Coruña, no hotel Riazor, onde se pronuncia sobre a decisión do Tribunal Constitucional de suspender a declaración soberanista aprobada polo Parlamento catalán en xaneiro pasado.
O portavoz nacional do BNG compara a actitude civilizada e democrática de países como Reino Unido en relación ao referéndum de Escocia, coa posición anti democrática do Goberno de Mariano Rajoy ao impugnar unha decisión libre do pobo catalán.
Vence reclama ao Goberno central que respecte a vontade do pobo catalán e a súa decisión. A declaración do Parlamento catalán é a expresión da vontade popular que un Goberno democrático debe respectar e aceitar. Rajoy demostra nula capacidade de resolver as cuestións através do diálogo. De todos os xeitos, puntualizou, estamos seguros de que o pobo catalán seguirá adiante porque se trata dun proceso imparábel, respaldada pola maioría social e política de Catalunya.
Barreras: A miopía e irresponsabilidade de Feijoó
En relación á situación do estaleiro de Barreras e os plans de PEMEX de apropiarse do seu capital tecnolóxico, trasladándoo a México, Vence lamentou que a cambio de dous floteis se entregue unha empresa enteira ao capital foráneo. Unha empresa galega que vai desaparecer por culpa da miopía e a irresponsabilidade dun Presidente da Xunta que non ten interese en manter o capital galego, nen as empresas galegas, nen a producción propia.
Vence foi moi crítico coa política industrial de Feijoó porque despois de deixar caer a innumerábeis empresas e deixar morrer ao noso sector naval, agora agasalla en bandexa de prata a PEMEX unha empresa como Barreras, con todas as súas instalacións e a súa tecnoloxía e know-how a cambio duns simples floteis. Preguntouse ademáis se un acordo tan irresponsábel, xunto co regalo de terreos en Punta Langosteira, non estará relacionado con outro tipo de negocios.
Alonso Montero: Un bocazas petulante
O portavoz nacional censurou asemade as manifestacións realizadas polo actual presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, sobre o BNG e a lingua. Alonso Montero evidenciou un complexo clasista en relación ao galego, con conceitos de home rancio e anticuado, un auténtico bocazas petulante, e que destila certa misoxinia ao facer símis sobre nais abafantes. Para Vence "o seu sectarismo antinacionalista traizóao e criticou que estando onde está faga afirmacións tan irrespectuosas. Engadiu que sería desexábel que o seu propio partido político e os seus socios políticos o desautorizaran por unhas descualificacións que a ninguén benefician. Emprazou aos membros da Academia a estar vixiantes e velar polos intereses do galego e polo desprestixio social do noso idioma.