Ana Pontón insta a unha gran mobilización social en defensa da sanidade pública ante os recortes e privatizacións do PP

Ana Pontón
Ana Pontón

“O goberno de Rueda é un perigo para a saúde das galegas e dos galegos porque detrás de cada número nunha lista de agarda hai persoas que sofren”, alegou

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización da sociedade galega en defensa da sanidade pública, sumándose á convocatoria da Plataforma SOS Sanidade Pública para a manifestación que terá lugar este domingo, 6 de abril. Pontón advertiu que “a sanidade pública galega está en situación crítica como consecuencia directa da política de recortes, abandono e privatizacións impulsada polo Partido Popular, tanto co presidente Alfonso Rueda como anteriormente con Feijóo”.

“Temos que mobilizarnos para defender unha das grandes conquistas sociais, como é a sanidade pública”. Pontón sinalou que durante estos últimos dezaseis anos a sanidade publica “leva soportando recortes e privatizacións que, ao final, que nos pagan son a ciudadanía”.

“Estamos diante dunha estratexia de acoso e derribo contra a sanidade pública. O PP está decidido a facer negocio coa saúde da xente, e iso é algo que non podemos tolerar como sociedade”, afirmou Pontón, que tamén alertou sobre o feito de que “Galiza é unha das comunidades con menor investimento en atención primaria e cunha das piores situacións de listas de espera de todo o Estado”.

A líder nacionalista salientou algúns dos datos máis preocupantes que exemplifican o colapso do sistema sanitario público galego como as listas de espera para acudir ao médico de cabeceira, os 11.000 nenos e nenas sen médico asignado, os milleiros de persoas que están agardando por unha intervención cirúrxica ou as que están pendentes dunha proba diagnóstica. “Acabamos de coñecer unha enquisa publicada polo Ministerio de Sanidade que di que o 23% das persoas en Galiza non tiveron atención sanitaria cando estaban enfermas como consecuencia das políticas que está levando adiante o gogerno do Partido Popular” sinalou.

A portavoz do BNG tamén quixo lembrar que a situación sanitaria actual é incluso peor que antes da pandemia da COVID-19, “a pesar da propaganda que intenta vender o Goberno do PP”. Segundo indicou, “detrás de cada número hai unha persoa angustiada, preocupada, ás veces en situacións graves, especialmente as máis vulnerábeis: persoas maiores, con enfermidades crónicas, ou con problemas de saúde mental”.

Esta situación non é accidental para o BNG, Pontón advertiu que é froito dunha decisión política do PP: recortar o público, precarizar ao persoal sanitario, e fomentar o negocio privado a costa da saúde da maioría. Unha situación que está a xerar un clima de "desesperación" tanto entre os pacientes, que poden esperar máis dun ano por consultas ou intervencións, como entre os traballadores da sanidade, que se ven desbordados ante a falta de medios. Esta presión está a derivar en episodios de conflitividade sen precedentes, mentres o goberno do PP "nega a relación directa entre os seus recortes e o colapso do sistema sanitario público".

O BNG fai un chamamento á cidadanía galega para que participe de forma activa na manifestación convocada para este domingo baixo a bandeira da defensa dunha sanidade pública, universal, digna e de calidade. “Non podemos permitir que o dereito á saúde sexa convertido nun luxo. É un dereito fundamental e temos que defendelo nas rúas. O 5 de abril, todas e todos á manifestación!”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG