A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a ampla representación do BNG na manifestación celebrada na Pobra do Caramiñal contra ALTRI e a favor de Galiza, unha mobilización masiva e histórica, destacou, que debería facer rectificar ao presidente da Xunta empeñado en impoñer unha bomba ambiental no corazón do País, mobilización que tamén recollía a oposición á megaminería da Mina de Touro-O Pino.

“Rueda ten que escoitar esta marea de dignidade e rectificar, deixar de lado a súa prepotencia, escoitar e rectificar, porque cando se trata de defender os intereses de Galiza o goberno do PP acerta cando rectifica”, subliñou, ao tempo que expresaba o seu orgullo “ante a marea de dignidade e de mobilización dos galegos e das galegas que saen a rúa para dicir alto e claro: ALTRI non, Galiza si, para plantar cara á traizón do goberno do PP disposto a pasar por riba da xente do rural e da xente do mar hipotecando o futuro de todo un País”, denunciou.
A líder do Bloque pediu ao xefe do Executivo que deixe a propaganda coa que quere tapar a gran mentira do que presentou como biofábrica cando en realidade era unha macrocelulosa contaminante.

“Basta de mentiras e basta de intentar desprestixiar ós miles de galegos e galegas que se mobilizan en defensa do rural e do mar, do medio ambiente e, en definitiva, dun futuro digno e libre da hipoteca que suporía a macrocelulosa”, recalcou. Pontón volveu interpelar ao presidente da Xunta: “Aínda non foi capaz de contestar a unha pregunta moi simple: ALTRI é unha empresa portuguesa, se a macrocelulosa é un proxecto tan beneficioso, por que non o queren en Portugal, por que Galiza ten que apandar cunha bomba ambiental que non quere Portugal?

Para a líder do BNG é evidente que non estamos ante unha decisión técnica senón política tomada moito antes de que existise ningún documento sobre a mesa, de feito, o goberno do PP declarou meses antes de aprobar a DIA que o proxecto era irreprochable desde o punto de vista ambiental.
“Estamos ante unha decisión política para favorecer a ALTRI e a Greenalia, socia no proxecto e que, casualidades da vida, ten como directiva á ex conselleira de Medio Ambiente e compañeira de partido do señor Rueda, Beatriz Mato. Todo un exemplo do ben engraxadas que están as portas xiratorias e todo un exemplo de como o goberno do PP traballa para as empresas amigas. Galiza merece un goberno que se poña a traballar para os galegos e as galegas, por iso lle pido ao señor Rueda que escoite e rectifique”, alegou Pontón.

A portavoz nacional indicou que o empeño do Partido Popular neste proxecto é tamén a evidencia de que estamos ante un goberno sen proxectos de futuro e por iso mira cara o pasado, cara o “franquismo industrial” das celulosas; en 1963 foi ENCE, en 2025 ALTRI, “sesenta anos despois o único que ofrece o PP é o mesmo franquismo industrial das macrocelulosas”.
Aniquilaron a riqueza da Ría de Pontevedra, denunciou, “pero non lle imos permitir que fagan o mesmo coa Ría de Arousa, nin coa comarca da Arzúa-Ulloa, nin co Río Ulla. Non lle imos permitir que poñan os intereses de ALTRI por riba da vida das persoas”, concluíu a líder do BNG.