Moi boa tarde, amigas e amigos e delegacións convidadas.
Teño que dicirvos que falo ante vós emocionada. Emocionada por esta praza DA DIGNIDADE. Emocionada polo voso amor, pola vosa lealdade ao que hoxe nos convoca: Galiza. E dígovos que sodes o mellor deste país. Seguimos construíndo nación. E que agarden sentados os que nos querían na casa, deprimidos e derrotadas: aquí estamos e aquí seguiremos. Defendendo con orgullo que somos nacionalistas, que somos do BNG!
Somos nacionalistas porque queremos estar no mundo como galegos, como galegas. Non aceptamos converternos en zombies da globalización. Unha globalización que é unha vella coñecida da humanidade: o imperialismo. Imperialismo que provoca a maior enfermidade do noso tempo: a pobreza. Imperialismo que xustifica guerras en nome das liberdades, mentres viola os dereitos humanos e nos envolve na mentira global. E digo Non no noso nome, non máis guerras por petróleo e queremos trato digno para as persoas refuxiadas.
E non o esquezades: o nacionalismo é o antídoto contra o imperialismo. E sei que isto é David contra Goliat, por iso quero darvos as grazas por ser e por estar.
Quero dar as grazas ás militantes de base, aos simpatizantes, a todos os cargos públicos que día a día fan país e da a cara por este proxecto. E permitídeme que agradeza recoñeza o traballo do grupo do BNG no Parlamento de Galiza, Montse, Cosme, Carme, Daniel, Tereixa, e moi especialmente Francisco Jorquera: todo rigor e intelixencia. Unha persoa que tanto ten aportado, que tanto vai seguir aportando á causa nacionalista. Grazas Paco!
Un especial saúdo a esa mocidade nacionalista de Galiza Nova. Esa mocidade que veñen sen durmir pero cun sorriso na boca, que traballades para facer realidade o Festigal e que hoxe nos contaxiades a vosa alegría e entusiasmo. Grazas por ser presente e futuro e por sementar amor a Galiza e ideas nacionalistas.
Sei que non son momentos fáciles, mais na política, como na vida, o importante non son os tropezos no camiño. O importante é ter forzas para erguerse. E nós aquí estamos, en pé con capacidade autocrítica pero con orgullo do que somos, con orgullo BNG.
E quero pedirvos unha cousa. Quero pedirvos que collades da man a persoa que tedes ao lado. Sen medo. Collédevos da man. Collédevos da man e erguede os brazos, con forza. Arriba. Subide os brazos.
Nós somos a Galiza que non baixa os brazos. Temos que devolverlle a esperanza as galegas e aos galegos que pensan que xa non merece a pena seguir. Temos que coller dan man as desafiuzadas, as paradas, as precarias, os emigrados. Temos que coller da man a todas esas persoas e dicirlles que imos saír adiante. Temos que tender a man e unir a todas as galegas e galegos na defensa dun proxecto de país con futuro.
Non é o momento de baixar os brazos nin de renderse. É o tempo de defender o país e construír nación. Defendemos o país cando usamos a nosa lingua. Defendemos o país cando reclamamos salarios dignos. Construímos nación cando denunciamos que a xente non emigra por gusto, senón por falta de oportunidades. Defendemos o país cando denunciamos a violencia de xénero e o feminicidio. Querémolas vivas!
E de verdade, cada día que pasa, cada día que abro os xornais ou vexo esas televisións, convénzome de que a política madrileña, o bipartidismo, na súa versión carca ou na súa versión guai, nada teñen que ofrecernos. Porque mirade, o bipartidismo español é un vello coñecido noso. E o bipartidismo, aínda que se vista de seda, bipartidismo se queda. E a min non me representan!
Non me representan os que insultan a dignidade das vítimas de Angrois, e a todo o pobo galego elixindo a Ana Pastor como Presidenta do Congreso. É indigno, e o BNG seguirá até o final, coas vítimas, porque teñen dereito á verdade e temos o deber de traballar para que se faga xustiza.
E tampouco me representan os que durante meses e meses dicían que o importante era unirse para derrotar ao PP, pois cando xa o tiñan derrotado, o único que fixeron foi antepoñer os seus intereses partidistas e os eus egos e fortalecer a dereita. E, con toda humildade, tamén lles digo que non nos veñan a dar leccións. Cando dependeu do BNG, nunca gobernou o PP.
Sei ben que estamos nun momento complexo, que require confianza e unidade, capacidade para recoñecer erros e man tendida a todas e todos os nacionalistas. Mais as dificultades non quitan razóns. Cada día que pasa teño máis convencemento de que precisamos forzas políticas propias. Porque sen pobo autoorganizado non hai proceso de autodeterminación.
E mirade, se hai unha nación onde é preciso o nacionalismo esa é Galiza. E seguiremos estando aquí, aturando tempestades de sal, dando a cara pola xente deste país. Porque o BNG non é nin unha moda, nin un invento do IBEX 35, nin un produto da teletenda. O BNG é froito desta terra e temos proxecto de país alternativo!
Demostrámolo cada dia co noso traballo. Co traballo de centos de concelleiras da oposición e nos concellos onde gobernamos. Que nos digan un só concello que fixera unha reforma urbana como a de Pontevedra? Que nos digan quen pode fardar de transformar unha vila como Allariz? Que nos digan que outro concello aposta pola calidade de vida e os equipamentos públicos como Tomiño? Ou Carballo, San Sadurniño, ou Bueu, Ribadeo, Muras, Castrelo de Miño, Baños de Molgas, Fene, Barro, Moaña, Moeche....
É evidente que na Galiza quen marca a diferenza son os alcaldes e as alcaldesas do BNG.
Igual que o BNG marcou a diferenza cando gobernou na Xunta de Galiza. Recoñecendo que houbo erros, dos que aprendemos e tomamos nota. Digo con honestidade, canto mellor nos tería ido aos galegos e galegas se en 2009 non gañara o caciquismo 2.0 de Feijóo. Quen nos dera que seguira adiante o banco de terras, vivenda pública, apoio á nosa lingua e cultura ou un modelo de xestión enerxético o servizo do país e non desas eléctricas que nos estafan e nos rouban.
E falando de estafas e roubos, que ninguén se ofenda, pero durante os últimos sete anos tivemos como presidente da Xunta ao estafador maior do reino.
O único mérito de Feijóo é que en sete anos fíxolle máis dano a Galiza que Fraga en dezaseis! E parecía difícil!
Fixádevos: foi o liquidador da caixas galegas e triplicou a débeda pública. É o presidente do paro, das privatizacións e do incremento das desigualdades! É un presidente antigalego. Foi o primeiro despois de Franco en lexislar contra a lingua galega. É o presidente cómplice da estafa da Ap-9! É o presidente amigo de Marcial Dorado e Pachi Lucas.
Feijóo non ten a dignidade necesaria para ser presidente de Galiza e serán os galegos e as galegas quen llo digan nas urnas!!
Este outono temos unha cita importante: as eleccións galegas. E pídovos que traballemos desde xa para encher as urnas de votos ao bng para derrotar a Feijóo e darlle un cambio a este país. E para cambiar Galiza precisamos un proxecto nacionalista, non un corta ee pega escrito desde Ferraz ou desde a Complutense. Un proxecto baseado no autogoberno, que entenda que a capacidade real de decidir é a chave para construír un país moderno, de progreso e de benestar. un proxecto capaz de converter Galiza nunha Dinamarca. O BNG ten ese proxecto, e con el imos derrotar a Feijóo nas eleccións galegas de outubro!
Porque si, podemos converter Galiza nunha Dinamarca.
Somos un país rico, con potencial, talento e con capacidade para saír adiante. E se temos o país esnaquizado é por gobernos nefastos, polo noso rol dependente no deseño estatal e europeo. Por iso desde o nacionalismo insistimos sempre: hai que derrotar á dereita, si, mais non chega.
Permitídeme que o diga dunha maneira gráfica: non somos Estremadura. E tampouco somos Estremadura máis un problema identitario. Se somos nacionalistas é xustamente porque sabemos que a garantía de futuro e de vida digna para todas e todos os galegos, pasa por superar o marco da dependencia e da subordinación.
E eu convido hoxe, este 25 de xullo, a todos os galegos e galegas, a todas, nacionalistas ou non, galego-falantes ou non, nacidas aquí ou chegadas de fóra, a confiar colectivamente nas nosas capacidades como pobo e a atrevermos a soñar e a construír, xuntas, unha Galiza diferente.
Hai esperanza e hai futuro porque o corazón nacionalista da galiza continúa latexando.
Latexa aquí nesta praza da quintana.
Somos miles e miles de corazóns latexando xuntos.
Esa forza é unha forza que nace de abaixo e é imparábel.
Que ninguén vos arrebate o protagonismo.
Non necesitamos nen césares nen mesías.
Sodes vós -homes e mulleres de nación- os que tendes o futuro nas vosas mans.
Entre todas e todos imos reconquistar o noso país, entre todas e todos imos devolver este país ao seu lexítimo dono: o pobo galego. Ese é o reto do nacionalismo galego.
Viva o BNG, Viva Galiza ceibe!