Concellos do BNG reclaman a gratuidade das escolas infantís municipais, máis prazas dos Centros de dia e dotación para a protección social

Escola infantil
Escola infantil

Fan balance negativo da asemblea do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar na que solicitaron máis recursos para servizos sociais

As alcaldías nacionalistas apostan por un novo modelo de xestión do Consorcio e critican o abandono por parte da Xunta

Os concellos do BNG defenderon na Asemblea do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar un novo modelo de xestión e o urxente incremento no orzamento da Xunta para a mellora dos servizos sociais. Alcaldes e alcaldesas nacionalistas fan balance negativo dunha xuntana na que defenderon a gratuidade das escolas infantís municipais, o incremento de prazas nos Centros de día e o incremento de dotación para a protección social. Criticaron o abandono da Xunta nuns servizos que son esenciais para atender ás persoas que precisan maiores coidados.

Nun balance posterior á Asemblea do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, alcaldes e alcaldesas do BNG critican que a Xunta non ofrecese ningún avance en política social e continuase coa situación "de mínimos" na que se atopa o organismo creado para xestionar os servizos sociais. Neste sentido, alcaldes e alcaldesas nacionalistas esixiron na xuntanza "un cambio substancial nas políticas de protección social para mellorar a calidade de vida das persoas".

Entre outras cousas, defenderon a gratuidade das escolas infantís municipais, o incremento de prazas públicas en Centros de Dia e a dotación orzamentaria suficiente para investimentos en políticas de protección social.

Lamentábel falta de participación da Conselleira

Lamentaron tamén que a Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistise mais non intervise nunha xuntanza telemática que contou con 130 participantes o que revela, ao seu ver, "a escasa importancia que a Xunta outorga ao Consorcio, e a falta e respecto institucional cos concellos participantes".

Por todo isto, representantes do BNG votaron en contra do orzamento presentado porque, segundo a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, "non propón avance ningún en políticas sociais e limita a 300.000 euros o capítulo de investimentos".

Neste sentido, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, incidiu na necesidade de "aprobar un novo modelo de xestión dos servizos que presta o Consorcio" e defendeu a urxencia de "resolver a fórmula do copago municipal polas prazas ocupadas nos centros de Dia e a gratuidade das escolas infantís de titularidade municipal, como xa son as privadas".

Reclamaron así investimentos reais en dotacións que contribúan a a estender unha rede de servizos públicos que melloren a calidade de vida das persoas en todo o territorio, achegando os servizos á totalidade dos concellos. "As demandas existentes non se poden acadar co investimento previsto para este 2025 de só 300.000 euros, claramente insuficiente para un incremento real das instalacións e servizos necesarios para garantir un servizo público con calidade asistencial", sinalou o alcalde de San Sadurniño, Secundino Casal.

Desde as alcaldías nacionalistas propuxeron tamén unha profunda modificación dos importes que deben abonar os Concellos ao Consorcio en materia de mantementos das instalacións ou polas prazas ocupadas por persoas empadroadas no municipio onde radica a dotación pública do Consorcio.

Os orzamentos saíron adiante cos votos a favor do PP e a abstención o PSOE, o que, para representantes o BNG supón "continuar na parálise e impedir novos avances en política social".

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG