Parlamento Europeo

Ana Miranda e Rogelio Santos denuncian na Eurocámara a ameaza que supón Altri na pesca e o marisqueo galegos

Rogelio Santos e Ana Miranda
Rogelio Santos e Ana Miranda

A eurodeputada do BNG e o mariñeiro e divulgador científico participaron nun evento sobre a defensa da pesca sostible

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga participaron este martes nunha conferencia sobre a promoción das prácticas pesqueiras de baixo impacto. Nas súas respectivas intervencións salientaron a importancia que ten en Galiza a pesca artesanal e o marisqueo e a ameaza supón a instalación de Altri nestes sectores produtivos.

“O proxecto de Altri, que pode ter impacto nas rías, é un proxecto altamente contaminante. Non o digo eu como eurodeputada do BNG, senón que o din os informes científicos”, destacou Ana Miranda na conferencia sobre pesca sostible, onde ademais alertou das consecuencias que pode ter nos sector pesqueiro e marisqueiro, “que xa ten numerosos problemas neste momento”.

Ana Miranda e Rogelio Santos
Ana Miranda e Rogelio Santos

A eurodeputada galega tamén fixo referencia “ao clamor” vivido este sábado pasado na Pobra do Caramiñal contra a instalación de Altri e manifestou que o sector pesqueiro e marisqueiro precisan investimentos. “Precisamos rías saneadas e non proxectos que poidan contaminalas. Precisamos augas limpas, augas nas que se poida producir o marisco e nas que o peixe poida medrar”, salientou.

Defender a terra

“Como galego e como mariñeiro sempre é un orgullo poñer en valor a miña terra e o sector ao que pertenzo en calquera lugar ao que vaia e tamén defendelo de calquera agresión de calquera tipo que lle veña enriba, como neste caso a instalación da macrocelulosa Altri”, subliñou pola súa parte Rogelio Santos, quen sinalou que este proxecto vai prexudicar a moita xente que vive na comarca da Ulloa, pero tamén na ría de Arousa.

“É un proxecto que non quixeron en Portugal, aí foron máis listos que nós, e en cambio é o proxecto estrela da Xunta de Galiza”, manifestou o mariñeiro e divulgador científico na súa intervención, quen ademais agradeceu a Ana Miranda e ao BNG a posibilidade de participar neste evento “e traer esta mensaxe chea de orgullo pola miña terra e o meu sector”, así como trasladar este sentir a un dos vicepresidentes do Parlamento Europeo, como a distintos eurodeputados e persoas vinculadas ao mundo do mar, a defensa dos océanos e a defensa dos dereitos dos mariñeiros.

Ademais, tanto Ana Miranda como Rogelio Santos participaron nun coloquio conducido polo xornalista Alexandre Mato e retransmitido en directo por Infolibre sobre as consecuencias da instalación da macrocelulosa Altri e o posible incumprimento das directivas ambientais europeas. Precisamente sobre a contaminación da macrocelulosa proxectada en Palas de Rei, a eurodeputada galega presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea para a súa resposta escrita.

Neste documento, Ana Miranda pregunta se a Declaración de Impacto Ambiental que acaba de recibir o proxecto é compatible coa correcta aplicación da Directiva Hábitats, xa que Altri tería un gran impacto ambiental sobre tres especies de flora en perigo de extinción.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG