A parlamentaria do BNG, Montse Prado afirmou que o texto non conta co consenso necesario nin busca a independencia das súas funcións polo que reclamou a súa retirada e unha nova redacción do texto.
A parlamentaria do BNG, Montse Prado explicou que os comités de Ética deben ser independentes e non estar xerarquizados e o novo anteproxecto responde á intención do Partido popular de controlalos para que os profesionais dos comités segan os ditados marcados polo PP.
A parlamentaria reclamou a retirada do anteproxecto e reiterou, que non queremos uns comités de ética asistencial xerarquizados e que dependan da Comisión de Bioética de Galiza nomeada directamente e discrecionalmente polo Goberno e tampouco coñecemos a razón pola que deben enviar unha copia dos informes á dirección Xeral de Asistencia sanitaria se é un organismo independente. Para a parlamentaria isto significa control e querer mediatizar o que deciden os comités de ética.
Pola súa parte, a portavoz popular Marta Rodríguez Vispo anunciou o voto desfavorable do Partido popular á iniciativa nacionalista por considerar que non existía ningún problema por integrar directivos e persoal de xestión e servizos. O persoal directivo, dixo pode aportar coñecementos á hora de analizar a práctica clínica e a calidade de asistencia.
Na réplica a deputada Montse Prado defendeu novamente a independencia dos comités de ética e afirmou que o anteproxecto de lei non garante esa independencia. É curioso, dixo que cando no decreto en vigor do ano 2000 entre as funcións figuraba protexer os dereitos dos doentes agora no novo anteproxecto figura contribuír, rebaixando o obxectivo de protección.
Por outra parte, recalcou que os comités deben de pensar por si mesmos e non presupoñer ningunha resposta ética antes de coñecer e estudar os casos. Para o BNG, o anteproxecto é un retroceso e consecuencia do desgraciado caso da nena Andrea no que os comités de ética emitiron informes que non gustaron ao Partido popular e mesmo o xerente da EOXI de Santiago pediu explicacións ao comité de ética asistencial de Santiago por enviar unha copia do seu informe aos país da nena. O que pretende evitar o Partido popular, afirmou Prado, é que isto aconteza e máis unha vez, o PP lexisla en contra todos os comités de ética de Galiza e dos profesionais.
A parlamentaria agradeceu os votos a favor dos grupos da oposición e lamentou que os votos en contra do PP impediran que iniciativa nacionalista prosperara.