Pontón denuncia que o PP é "un perigo para a saúde dos galegos" con políticas privatizadoras na sanidade pública

Ana Pontón na manifestación sanidade
Ana Pontón na manifestación sanidade

A portavoz nacional do BNG critica os recortes e privatizacións do PP, que deixan 11.000 nenos e nenas sen pediatra e listas de espera de 15 días

Pontón defende a sanidade pública como "conquista social" e anima á mobilización cidadá fronte ás políticas "ideolóxicas" do goberno popular

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, denunciou esta mañá na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Compostela, que as políticas privatizadoras do PP son "un perigo para a saúde dos galegos e das galegas" e como o goberno galego prioriza a privatización fronte á calidade do servizo público.

Faixa BNG Sanidade
Faixa BNG Sanidade

Entre os problemas destacados que está a padecer o sistema sanitario galego, sinalou que actualmente hai 11.000 nenos e nenas sen pediatra, listas de espera de até 15 días para consultas de atención primaria e un aumento das mobilizacións cidadás en todo o país. "Se a sanidade está mellor que nunca, como é posible esta situación?", cuestionou. Pontón atribúe esta crise á "incompetencia e ideoloxía" do PP, que busca "deteriorar o público para beneficiar a sanidade privada".

Faixa Moaña
Faixa Moaña

A líder do BNG reivindicou a sanidade pública como unha "conquista social" e chamou a "defender o dereito á saúde para todas as persoas, independentemente da súa conta bancaria". Exixiu ao PP que "recoñeza a realidade" e poña en marcha solucións, como a contratación de máis persoal, a mellora da atención primaria e o reforzo da saúde mental.

manifestación sanidade pública
manifestación sanidade pública

Pontón fixo un chamamento á mobilización. "Desde o BNG acompañamos a cidadanía que di SI á sanidade pública fronte ao PP do NON á saúde". Para o BNG esta mobilización e o reflexo do "enorme malestar social" contra as políticas do goberno popular en Galiza.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG