A Fundación Galiza Sempre conmemora o 50 aniversario da Asemblea Nacional Popular Galega na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou o seu papel fundamental na construción do nacionalismo galego moderno. Pontón subliñou a vixencia dos principios da autoorganización e unidade do nacionalismo como clave para seguir avanzando cara un goberno galego que defenda con lealdade os intereses do país.
"O BNG de hoxe é o resultado do esforzo e do compromiso dunha xeración que, en tempos de ditadura, teceu unha rede de organizacións nacionalistas baseadas na autoorganización e nun proxecto ancorado na nosa singularidade como nación", afirmou. Nesta liña, reivindicou o legado da AN-PG como unha referencia esencial na evolución do movemento nacionalista galego e destacou que, grazas a aquel traballo, hoxe o BNG está en condicións de liderar Galiza.

Pontón fixo fincapé na importancia de diferenciar entre nacións dependentes e colonizadas, o que determina modelos organizativos distintos. "A nosa historia demostra que proxectos nacionalistas de ideoloxías segmentadas por clase social non foron viables en Galiza", explicou, sinalando o fracaso de diversas iniciativas que non responderon á realidade obxectiva do País.
O presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, salientou o gran traballo desenvoltou pola AN-PG dende a súa constitución, sinalando as exitosas mobilizacións sociais levadas acabo en contra das encrobas, os encoros franquistas, a loita xunto as comisións labregas contra a cuota empresarial ou mesmo a pretensión da instalación dunha central nuclear en Xove, entre outras moitas. “A verdade, e que visto en perspectiva, é difícil facer tanto en tan só sete anos de existencia. Sen lugar a dúbidas, a AN-PG foi un gran éxito colectivo do momento nacionalista e do conxunto do pobo galego” apuntou. Para Cela non se podería entender o que hoxe é o BNG sen o legado da Asamblea Nacional Popular Galega.
Ademais, a líder do BNG tamén destacou o papel da AN-PG na consolidación da unidade do nacionalismo, asumindo a estratexia dunha fronte ampla que permita integrar a todas as persoas nacionalistas independentemente da súa ideoloxía. "O noso reto actual é fortalecer esa unidade e converter o BNG nunha forzanza social e política imparable", sinalou. Pontón referiuse tamén ás loitas actuais do nacionalismo galego, como a oposición ao proxecto de Altri en Palas de Rei. "Dicimos non a Altri porque dicimos si ao río Ulla, á ría de Arousa, á xente do mar e do rural", afirmou, denunciando a actitude do PP, ao que acusou de gobernar en contra de Galiza e de estar obsesionado co BNG.
Pontón fixo un chamamento a seguir fortalecendo o proxecto nacionalista. "A semente botada pola AN-PG florece hoxe nun BNG máis forte ca nunca, pero queda moito camiño por percorrer. Sigamos avanzando!", concluíu.