Parlamento Galego

Ana Pontón: “Imos ganar a batalla de Altri fronte á traizón do PP coa mobilización de todas as persoas que lle queren a Galiza”

Olalla Rodil, Ana Pontón, Rosana Pérez e Iria Carreira
Olalla Rodil, Ana Pontón, Rosana Pérez e Iria Carreira

Solicita a comparecencia de Rueda no Parlamento para que dea a cara pola súa decisión de colocar unha bomba ambiental no corazón do País

Propón que os 250M€ que o PP quere para financiar a macrocelulosa se destinen ás Pemes, a dinamizar o rural e a rexenerar as rías galegas

“Imos ganar a batalla de Altri fronte á traizón do PP coa mobilización de todas as persoas que lle queren a Galiza”.  Así o afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia trala reunión de urxencia que o grupo parlamentar celebrou este sábado no Parlamento para abordar a situación creada despois da publicación do informe ambiental favorable ao proxecto de macrocelulosa.

Malia todo, aínda non se trata da aprobación definitiva por parte da Xunta, porque aínda faltan pasos na tramitación interna como a da autorización da concesión de augas por parte de Augas de Galiza e a autorización ambiental integrada, e polo tanto, Pontón subliñou que “aínda queda unha batalla moi importante desde o punto de vista político”.

Unha batalla que asegurou dirixíndose á xente do rural, á xente do mar e ao consunto da cidadanía galega, “ímola ganar!”. “Imos ganar a batalla fronte a un Partido Popular disposto a traizoar Galiza para que ALTRI coloque no corazón do noso rural unha bomba ambiental que pon en risco o noso modo de vida e o noso futuro. Unha macrocelulosa contaminante que non quere Portugal e que queren colocarnos no interior do noso País.  Fronte a traizón do PP, a dignidade dun pobo que vai volver mobilizarse para defender por terra, mar e aire o futuro dos galegos e das galegas”.

Aludindo ás mobilizacións que hai convocadas para este domingo ao longo da bacía do Ulla e á manifestación convocada para o 22 de marzo na Pobra do Caramiñal, Pontón amosouse convencida de que vai ser “absolutamente masiva porque nests momento en Galiza hai unha opininión claramente maioritaria que non quere que nos coloquen a bomba ambiental de Altri no noso País”.

Grupo parlamentar
Grupo parlamentar

Rueda ten que dar a cara no Parlamento

A portavoz nacional do BNG pediu a comparecencia de Rueda no Parlamento explicarlles aos galegos e ás galegas “por que pon os intereses dunha empresa portuguesa por riba do interese xeral das galegas e dos galegos e por riba das vidas da xente; por que está disposto a destruír 8.000 postos de traballo no mar e en terra para beneficiar unha empresa de fóra e por que está disposto a contaminar Galiza, desde a Comarca da Ulloa ata a ría de Arousa. Rueda ten que explicar por que está facendo de comercial de Altri aquí, en Madrid e en Bruxelas, en lugar de traballar por e para os galegos e as galegas”, emprazou.

Neste punto, Pontón quixo lembrar o dato “moi importante” que amosa como funcionan as portas xiratorias, referíndose ao feito de que Altri non só é unha empresa portuguesa senón que ten un socio en Galiza —Greenalia— que é a empresa  da ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato e compañeira de partido de Rueda.  

A líder do BNG destacou como cuestión clave os 250 millóns de euros de cartos públicos que o goberno de Rueda lle quere dar a Altri,  e cualificou “o colmo do disparate” colocar unha macrocelulosa contaminante no corazón de Galiza e por riba darlle cartos públicos para contaminar Galiza”

Neste sentido, reclamou ao Goberno central que “se pronuncie dunha vez por todas deixando claro que non vai subvencionar con cartos públicos esta bomba ambiental. Nin a xente do rural, nin a xente do mar, nin a maioría dos galegos e das galegas o entenderían”, enfatizou, anunciando que desde o goberno alternativo do BNG “ imos facer todo o posible para que esta macrocelulosa non reciba nin un só euro público e que eses 250 millóns de euros se destinen a recuperar o río Ulla, a apoiar as pequenas e medianas empresas que están nese territorio dando futuro digno á xente, a recuperar a ría de Arousa e apoiar a xente do mar”. “Ese si que é un proxecto tractor de futuro e non a empresa Altri que nos quere colocar aquí unha macrocelulosa.

 Unha crónica dunha traizón anunciada chea de mentiras 

Para a portavoz nacional do BNG, Altri é a “crónica dunha traizón anunciada polo Partido Popular a Galiza. Unha crónica chea de mentiras e de enganos á cidadanía”. Asegura que o Goberno do PP “lle mentiu aos galegos e ás galegas durante meses facendo crer que era unha biofábrica téxtil e que ía crear miles de posotos de traballo, cando sabía que era unha macrocelulosa contaminante que vai ter un impacto moi pequeno en relación ao emprego”.

Xustificou a súa afirmación tirando dos datos que falan dunha instalación que ocuparía 3,6 millóns de metros cadrados de terras que formaban parte da proposta de ampliación de Rede Natura, con 13 km de tubaxes que atravesarían espazos protexidos, 8,7 toneladas diarias de gases contaminantes, 46 millóns de litros diarios de captación de augas, 30 millóns de litros de auga contaminada que iría ao río Ulla, que abastece a máis de 100.000 persoas e que poderían contaminar a ría máis produtiva de Galiza, a ría de Arousa, da que viven catro mil familias.   

“Todo isto foi ocultado polo señor Rueda até pasadas as eleccións galegas. E por riba, o PP máis ultra pretende criminalizar e desacreditar os milleiros de galegos e de galegas que, con toda razón, están dicindo que non queren esta macrocelulosa contaminante porque queremos un futuro diferente para o noso País”, subliñou.

Pontón precisou que estas mentiras teñen como obxectivo “ocultar que non estamos ante unha decisión técnica senón política que foi adoptada con nocturnidade xa en 2021, cando o Goberno de Rueda dicía que era un proxecto redondo desde o punto de vista medioambiental sen ter nin un só dato nin ningún informe sobre o proxecto”. “Estamos ante unha decisión política do PP en contra de Galiza e a favor de Altri”, incidiu.

 Nada que  ofrecer salvo o franquismo industrial das celulosas

Para rematar, a portavoz nacional do BNG quixo por de manifesto que “o goberno de Rueda non ten proxecto ningún proxecto d futuro porque o único que nos ofrece son industrias do pasado. Quere recuperar o franquismo industrial e por iso vemos que en pleno 2025 o único que ten que ofrecerlle Rueda ao Partido Popular é, de novo unha celulosa”, recordando a que o franquismo impuxo en 1063 a Galiza con Ence. “É un disparate e un desastre desde o punto de vista ambiental”, recalcou, contrapoñendo as “industrias contaminantes do pasado” que propón Rueda cos proxectos que propoñen outros gobernos que si son capaces de conseguir proxectos tecnolóxicos de vangarda e que se apoian na innovación. Con estas políticas, “o PP “sabe moi ben que está cometendo unha traizón a Galiza”.

É por iso —concluíu—que Rueda non é capaz de contestar unha pregunta moi simple: “Se a macrocelulosa de Altri é tan boa por que non a queren en Portugal?”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG