O parlamentario do BNG cualificou de desleixo do Goberno galego non apostar pola semente autóctona de moluscos bivalvos e falta de compromiso coas mariscadoras de Camariñas afectadas gravemente pola diminución das extraccións de bivalvos
O deputado do BNG, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta ao goberno na comisión de pesca relativa a posta en marcha do minicriadoiro de moluscos en Camariñas, na actualidade abandonado.
Na súa intervención, o nacionalista afirmou que este minicriadoiro exemplifica o desleixo do Goberno galego na aposta por producir semente autóctona de moluscos bivalvos e a falta de compromiso da consellería do Mar coas mariscadoras de Camariñas gravemente afectadas pola diminución das extraccións de bivalvos.
O parlamentario explicou que nas instalacións foron investidos 1.200.000 euros. No ano ano 2011 o Goberno viuse obrigado a modificar o que cualificou de modelo fracaso por non ter conseguido converterse nun centro xestionado pola Confraría de Camariñas para producir semente autóctona pasando a ser xestionado polo Centro de investigacións mariñas (CIMA) que ademais foi incapaz de contratar o persoal necesario. Ademais, engadiu, no inverno do ano 2014 sufriu graves danos provocados polos temporais deixando ás instalacións abandonadas dende entón. As instalacións e o equipamento seguen abandonadas e na actualidade só serven de aparcamento para o camión da Confraría e deposito de embarcacións inutilizadas.
Para o deputado, a situación de abandono do minicriadoiro é inconcibible nun momento de grave crise para o sector marisqueiro que dende o ano 2011 diminúe o número de PERMEX (Permiso de Actividade extractiva) e continúa alcanzando só o 42% no último ano.
O parlamentario lembrou que a proporción das capturas de bivalvos, 47% de berberecho, 23% de ameixa fina ou 55% da volanta fai urxente a posta en valor da instalación así como dotar ao sector de semente autóctona para rexenerar os bancos e poder recuperarse tras o mal tempo e os episodios de mortaldade.
Ademais , recalcou que a situación das mariscadoras de Camariñas tornase acuciante pasando dunha facturación de 1.412.000 euros no ano 2009 a 368.000 no ano 2015 con caídas alarmantes no berberecho de 138.500 quilos a 15.614 e na ameixa xapónica de 66.972 quilos a 4.464 quilos.
A Xunta admite o deterioro do minicriadoiro de Camariñas
Pola súa parte a directora Xeral, Rodríguez Carballo afirmou que o obxectivo do minicriadoiro nunca foi a produción de semente pero si trasladar ao sector as posibilidades de producir semente de maneira económica e eficiente.Na actualidade,dixo, a instalación non está moi coidada pero se están a estudar cambios na cuberta para que non se sigan deteriorando as instalacións e se está a buscar un terceiro que a poida xestionar.
O deputado do BNG replicou que, do minicriadoiro saía cría para sementar nas praias pero dende o ano 2011 as instalacións están abandonadas e esa é a súa responsabilidade. Rodas reclamou a reactivación do minicriadoiro no que foi investido 1.200.000 euros, e pode ser recuperado, concluíu.