Montse Prado esixe facer públicos os termos do novo concerto con Povisa

A parlamentaria do BNG considerou “inadmisíbel” o escurantismo e falta de transparencia do Partido popular no contrato entre a administración pública e unha empresa privada

A deputada do BNG, Montse Prado esixiu hoxe, a través dunha proposición non de lei, “facer públicos os termos do novo contrato con Povisa”. A parlamentaria denunciou “o escurantismo e falta de transparencia” do Partido popular no concerto da administración pública cunha empresa privada que ascende a 75 millóns de euros e cuxo contrato permanece “agochado”.

Na súa intervención, Prado cualificou a Rocio Mosquera de “conselleira da sanidade privada” e ao portavoz parlamentario do PP, Miguel Santalices nos mesmos termos. A posición do BNG, explicou é que toda a poboación da área sur da provincia de Pontevedra teña dereito a ser asistida nun hospital público e non como está a facer o Partido popular que beneficia a un hospital privado e condiciona esa área.

A deputada retou ao PP a votar a favor da iniciativa nacionalista para coñecer o contido do devandito concerto ao que o PP respondeu que os termos do convenio están publicados nos medios de comunicación. Nós, respondeu a nacionalista, non temos que ir a prensa para buscar información, vostedes están obrigados a proporcionarlla aos grupos parlamentarios.Resulta “bochornosa” a resposta do portavoz popular, ciriticou.

Porque teñen tanto problema en que se coñeza a cantidade real que vai a recibir Povisa? preguntou, a parte dos 75 millóns, vai cobrar algo máis para maxilofacial, queimados, ou servizos farmacéuticos. Temos dereito a sabelo, nós e o conxunto da cidadanía porque son recursos públicos.

“Negocio redondo para un centro privado, negocio ruinoso para Sanidade Pública” afirmou. A realidade é que vostedes néganse a responder e fano con “opacidade” e meténdolle medo á xente, quen ten que facer unha campaña de información veraz é a consellería e o Goberno, e iso é o que estamos pedindo hoxe dende o BNG, concluíu.

O PP votou en contra da iniciativa nacionalista que ademais de reclamar facer públicos os termos do convenio con Povisa pedía adoptar medidas para impedir que o centro sanitario continúe despedindo persoal e precarizando as condicións laborais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG