Senado

BNG urxe o Goberno a solucionar os problemas de conexión nas zonas transfronteirizas

Carme da Silva
Carme da Silva

“É hora de pasar das palabras aos feitos. O Goberno debe incluír nas súas prioridades a mellora da conectividade en zonas como Tomiño para evitar o seu illamento” defende Carme da Silva

A senadora do BNG demanda a Transformación Dixital medidas urxentes, concretas e eficaces para solucionar os graves problemas de conectividade

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno do Estado medidas urxentes, concretas e eficaces para solucionar os graves problemas de conectividade que afectan amplas zonas do concello de Tomiño, especialmente nas parroquias limítrofes con Portugal, ao longo do río Miño. A senadora do BNG, Carme da Silva, defende a necesidade de mellorar a conectividade nas zonas transfronteirizas, como a de Tomiño, para evitar o illamento e garantir igualdade de dereitos e oportunidades tamén no rural galego.

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia a situación de "escuridade dixital" que sofren máis de 7.000 persoas —un 50% da poboación de Tomiño— debido á nula ou deficiente cobertura de telefonía móbil e acceso a internet. "En boa parte do territorio do concello a cobertura é nula, noutras, o sinal é moi débil, conlevando continuos cortes durante as conversacións ou que a calidade do son sexa mala", afirmou.

O BNG advirte de que esta situación afecta tanto á vida diaria da veciñanza como á actividade económica. Tamén impide o uso de servizos básicos como pedir cita médica, realizar trámites bancarios ou escolares e incluso circular con seguridade pola PO-552, onde os GPS deixan de funcionar pola falta de sinal.

Moitos habitantes da zona, engade a senadora nacionalista, ven na conexión coas operadoras portuguesas a única saída, mais “esta solución non atalla o problema por completo, debido a que en moitos casos o seu sinal tamén chega de forma débil”. A situación é especialmente grave en núcleos como Freixoal, Pinzás, Cristelos, Vilachán do Monte, A Chan, Carregal, Forcadela, Sobrada, O Couto, Tollo, Fontenla, Amorín ou Currás.

“Transformación Dixital debe adoptar medidas específicas para corrixir os apagamentos, desconexións e mala cobertura que afectan as parroquias de Tomiño na fronteira con Portugal” defende a senadora do BNG. Así mesmo, insta o Goberno a explorar fórmulas para mellorar a conectividade nesta área transfronteiriza, tendo en conta experiencias doutros países, como as infraestruturas compartidas entre estados. “Tamén terá que analizar a cobertura de 4G e 5G existente para avaliar se cumpre os estándares de calidade necesarios e, en caso contrario, exixir melloras ás operadoras” subliña.

Garantir a igualdade de dereitos, vivas onde vivas

Carme da Silva desctaca que "o denominado ‘efecto fronteira’ deixa practicamente sen cobertura ás parroquias situadas na raia e próximas ao Miño", e que "trámites tan comúns como pedir unha cita médica ou falar coa familia convértense nun imposíbel". Tamén alerta de que “a cobertura empeorou respecto a hai vinte anos, o que evidencia o abandono institucional”.

Ante esta situación, o BNG lembra que desde 2020 o Concello de Tomiño vén facendo xestións continuas con diferentes administracións e operadoras sen obter resultados. A Valedora do Pobo e o Valedor do Pobo Transfronteirizo tamén remitiron escritos alertando da situación e propoñendo solucións, como os modelos de infraestruturas compartidas que xa funcionan noutros estados da UE.

Pola contra, a resposta do Ministerio para a Transformación Dixital limítase a reiterar compromisos xenéricos coa extensión do 5G e a cobertura rural, sen entrar a valorar a calidade da cobertura en Tomiño nin ofrecer vías de solución. “Se non se melloran as conexións de telecomunicacións, dificilmente a xente se vai animar a vivir nestas zonas e no rural” advirte da Silva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG